Seis construtoras alteraron licitacións de obra na Galiza por valor de 670 millóns

Cando menos 18 licitacións de infraestrutura pública por máis de 670 millóns foron adulteradas na Galiza por seis construtoras multadas pola Comisión Estatal de Mercados e Competencia (CNMC) por máis de 200 millóns de euros no seu conxunto.
Seis construtoras adulteraron concursos do AVE á Galiza por máis de 500 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Seis construtoras adulteraron concursos do AVE á Galiza por máis de 500 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)

Un mínimo de 18 licitacións relevantes para a Galiza foron alteradas polo grupo das empresas Dragados, FCC, Ferrovial, Acciona, OHL e Sacyr , que de forma fraudulenta compartiron información que socavou as normas da competencia.

Así o recolle o informe da CNMC que derivou nunhas sancións que superaron os 200 millóns de euros entre as seis construtoras que infrinxiron as normas, como informou na quinta feira Nós Diario. En total, as 18 licitacións polas que estas firmas foron acusadas na Galiza arroxan que afectaron á competencia en concursos por contía de cando menos 671.440.117 euros.

Os 18 proxectos afectados

Ferrovial avisou ás outras cinco empresas da súa saída da licitación da construción e explotación da autovía do Barbanza, promovida pola Xunta da Galiza e cun orzamento de 101 millóns de euros, en 2005. Esta é a primeira actuación da que hai constancia probada dunha alteración da competencia nas licitacións públicas na Galiza por parte das empresas sancionadas pola CNMC.

Catro anos máis tarde, en 2009, nunha actuación tamén promovida pola Xunta da Galiza, Dragados e Ferrovial compartiron a información dos seus proxectos construtivos ao resto de empresas do grupo na licitación dos colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais no Grove, dunha contía de 7.260.916 euros.

Posteriormente, en 2010, Acciona descartou entrar na licitación, promovida pola Sociedade Pública de Investimentos (SPI) da Galiza, por 3.156.797 euros, da construción do Edificio de xulgados en Compostela.

Nese mesmo ano, Acciona e Sacyr renunciaron a participar na licitación, tamén da SPI da Galiza, para a adecuación de espazos e instalacións dos xulgados da Coruña, neste caso por 3.144.052 euros.

Xa en 2011, Acciona avisou da súa saída da licitación da construción do Edificio para Centro de Emerxencias 112 da Galiza, promovida unha vez máis pola SPI da Galiza, por un valor de 5.932.203 euros.

Outra promoción da SPI da Galiza en 2011 por 4.660.196 euros foi froito doutra renuncia de Acciona, neste caso para a construción do novo Centro de Educación Infantil e Primaria de Oroso.

Neste ano tamén se ve afectada polas irregularidades unha licitación da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, por unha contía de 5.706.589 euros, para a instauración do ferrocarril ao peirao do Ferrazo, neste caso son FCC e Acciona as que rexeitan participar do concurso.

A chegada da alta velocidade (AVE) ferroviaria á Galiza tamén estivo inmersa nas "artimañas" empresariais para alterar procesos de licitación, así, durante os anos 2011 e 2012, OHL e Sacyr, compartiron información dos seus proxectos construtivos de até catro intervencións da infraestrutura ferroviaria, promovidas polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), cun valor conxunto de licitación de 491.780.022 euros.

En 2013, unha vez máis Acciona, avisou ao resto de empresas do grupo de que non concorrería na licitación da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas LU-933 e CN-120, valorada en 5.117.844 euros e promovida pola Xunta.

Aquel ano tamén foi involucrada no arranxo da licitación unha promoción da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, correspondente á adecuación do leito e á ordenación das marxes dos ríos Sarria e Celeiro no termo municipal de Sarria por un valor de 4.317.436, euros, co aviso de non concorrencia de Acciona.

Así mesmo, durante 2013 incorreuse na alteración da licitación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao das vigas de rodadura a 30 metros na segunda fase do porto exterior, por valor de 3.076.930 euros, dando aviso de renuncia Acciona e OHL. 

En 2015, avisaron da súa renuncia ao proceso de concurso por parte da Xunta da urbanización dos sistemas xerais da primeira fase da plataforma loxística e industrial Salvaterra do Miño-As Neves tanto Sacyr como Dragados, por unha contía de 11.188.231,06 euros. 

Tamén en 2015 alterouse por parte de Dragados, Acciona e Ferrovial ao compartir a información da súa renuncia a competencia no concurso pola mellora da seguridade viaria na A-55 entre Vigo e O Porriño, licitada pola Dirección Xeral de Estradas por un importe de 6.769.294 euros. 

En 2016, Acciona e Dragados renunciaron á participación na contratación de actuacións pendentes na liña de AVE Madrid-Galiza, promovida pola Sociedade Estatal de Infraestruturas  do Transporte Terrestre, por un valor de 11.999.227 euros. 

En 2017, o AVE á Galiza seguiu a protagonizar a actuación fraudulenta destas empresas, cun orzamento de 6.430.380 euros, Acciona e Sacyr renunciaron á licitación de novas actuacións sobre a infraestrutura ferroviaria, esta vez promovidas por ADIF.

Alteración da competencia

As empresas compartiron información sobre a participación en licitacións e sobre o desenvolvemento dos seus proxectos, o que supón unha desvantaxe na competencia para o resto de empresas que quixeran participar dos concursos e deriva nun maior gasto por parte das Administracións ao realizar adxudicación por maior importe.

Comentarios