Consello de administración de ENCE: empresarios, banqueiros, políticos...e cero galegos

Entre os 13 integrantes do directorio da pasteira atopamos dirixentes de asociacións agrarias, persoas con cadeira en pontes de mando de multinacionais, ex-altos cargos do PP, responsábeis de grupos eléctricos ou accionistas millonarios de adegas. Iso si, galegos, nin o primeiro.

ence boa

O consello de administración de ENCE está formado por 13 persoas máis o secretario. Un directorio no que non faltan apelidos compostos e nomes de peso no mundo bancario e empresarial español, tamén no político. Hai madrileños, vascos, navarros, andaluces, castelán-leoneses e castelán-manchegos. Mais no consello da pasteira á que un goberno español en funcións lle regalou 60 anos máis na Ría de Pontevedra non hai ningún galego. A empresa que condiciona o desenvolvemento do monte galego e que, denuncian axentes políticvos, sociais e ambientais, ten forte impacto en Pontevedra e no país.

Hai nomes con responsabilidades en bancos, en multinacionais e na expansión no Estado de negocios como Coca-cola

O presidente é desde 2006 Juan Luis Arregui, vasco de Mallabia, un pequeño concello bizkaitarra. É o accionista maioritario de ENCE, e ten un historial longo de creación de empresas en eidos como o forestal ou o vitivinícola (Viña Izadi). Vice-presidente de Iberdrola até 2010. Na vice-presidencia está Ignacio de Colmenares Brunet, madrileño da quinta de 1961. A súa carreira fraguouse no sector siderúrxico e enerxético.

O navarro Javier Echenique Landiribar compatibiliza o seu posto no Consello de administración (CdA) de ENCE coa vice-presidencia no Banco Sabadell.

José I. Comengue Sánchez-Real tivo cargos de responsabilidade no Banco Hispano_americano e na Mutua Madrileña antes de desembarcar na dirección da pasteira. Fixo fortuna coas embotelladoras de Coca-Cola na zona centro e do Levante. É un clásico da Bolsa española. O albaceteño Pascual Fernández é decano-presidente do Colexio de economistas de Madrid. Profesor de economía aplicada na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, pasou polos consellos de administración de varias compañías, incluíndo Renfe e Instituto de Crédito Oficial (ICO), entre outros. Óscar Arregui é outro dos conselleiros de ENCE. Ten cargos de responsabilidade en máis dunha ducia de empresas de Araba, Madrid, Zaragoza...

Víctor Urrutia Vallejo fala inglés, alemán e francés. Foi vice-presidente de Iberdrola e estaba no comité executivo de Vocento, grupo de medios de comunicación que edita, entre outros, ABC, El Diario Vasco. É presidente Compañía Vinícola del Norte de España, S.A. (CVNE). Onde posúe accións por valor de máis de 100 millón de euros. E está na comisión executiva de Coca-Cola en España.

Ex-ministros e ex-conselleiros do PP tamén teñen a súa cadeira neste consello de administración

O salmantino Gustavo Matías ten publicado máis de 3.000 artigos en diferentes medios de comunicación, de El País a El Mundo, pasando por 'La gaceta de los negocios'. É conselleiro independente de ENCE. Posto que tamén ocupa Isabel Tocino, cántabra e dixixente do PP na altura que foi ministra de Medio Ambiente no goberno de José María Aznar. Carlos del Álamo (Madrid) foi conselleiro de Medio Ambiente na Xunta de Fraga. Agora está no consello de ENCE.

No directorio da pasteira tamén está o sevillano José Guillermo Zubía Guinea, que estivo en Confebask. É integrante do comité permanente da Escola de Economía de Andalucía e do Consello Económico-Social de España. Padro Barato naceu en Ciudad-Real. Presidente da Asociaciñon agraria de Jóvenes agricultores (Asaja). E Fernando Abril-Martorell (segoviano) é presidente de Indra, unha multinacional centrada na consultoría, entre outras cuestións. Fillo dun dos fundadores da UCD.

Comentarios