O comité de Ferroatlántica procura o apoio do Parlamento contra a venda das hidroléctricas

Mantivo reunións cos grupos parlamentares da oposición e reitera a exixencia á Xunta para que non autorice a segregación e venda

BNG-Ferroatlántica
photo_camera Noa Presas e X.L. Rivas (BNG) co comité.

O comité de Ferroatlántica mantivo esta segunda feira reunións no Parlamento cos grupos do BNG, En Marea e PSdeG para lles solicitar o apoio na loita contra a segregación e venda das centrais hidroléctricas. “Non se pode separar a factoría das centrais, é unha unidade produtiva única”, reiteran desde o comité contra a intención de Villar Mir de se desfacer das hidroeléctricas. E insisten en instar a Xunta a que mova ficha e se involucre. Queren que interveña de inmediato para que non autorice a segregación e a venda das centrais. "Se o PP é quen de apañar votos na comarca para gañar as eleccións agora ten que utilizar eses mesmos votos para paralizar esta operación especulativa. Do contrario o PP será o culpábel da ruina da nosa comarca", denuncian.

Idea que vén de vello

A representación social lembra que a segregación de actividades é un obxectivo que xa figuraba no plan de viabilidade da empresa no ano 92, cando o Grupo Villar Mir comprou as fábricas e as centrais hidroeléctricas a Carburos Metálicos. Daquela, foron os tribunais de xustiza quen impediron a separación de actividades.  

en marea ferroatlánticaPara Noa Presas, voceira parlamentar de Industria do grupo parlamentar do BNG, o que acontece con Ferroatlántica é unha metáfora das políticas de “espolio” de grandes empresas coa “cumplicidade” da Xunta. “Estaremos no Parlamento e na rúa contra a segregación e este expolio”, afirmou a parlamentar nacionalista após a xuntanza co comité.

Presas anunciou  que o BNG instará a Xunta a desvelar “o que falou por detrás co señor Villar Mir e cos presuntos plans de industrialización cos que queren mercar a vontade dos traballadores e traballadoras”

De por parte, o portavoz parlamentar de En Marea, Luis Villares, considera que é “inaceptable que a Xunta diga que non sabe nada da venda das plantas de Ferroatlántica, que pon en risco o 25 por cento do PIB da comarca". Tamén anunciou accións de control ao goberno para impedir que a Xunta tutele unha operación de venda “en connivencia con determinados intereses empresariais dun fondo de inversións con persoas vinculadas a ex altos cargos do Partido Popular” no canto de defender o interese público, laboral e social.

Comentarios