domingo 31.05.2020

Comeza o proceso de tramitación dos OXE co rexeitamento da oposición e da cidadanía

As Cortes españolas inician o proceso de tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013. A oposición presenta once emendas á totalidade en que se exixe a retirada do proxecto presentado polo executivo español.
Entrega OXE 2013 no Congreso
Entrega OXE 2013 no Congreso

A Cámara baixa do Parlamento español iniciará esta terza feira o debate das emendas á totalidade presentadas polos grupos parlamentares contra o proxecto de lei con que o goberno español presentou a súa proposta orzamentaria para o vindeiro exercicio. Once son as formacións que exixen a devolución dos OXE presentados polo executivo de Mariano Rajoy e que serán defendidos en sesión plenaria polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. Entre as súas demandas, a oposición exixe a comparecencia do presidente español e a súa defensa e presentación dos orzamentos debido a que non deu explicacións públicas nin parlamentares a respecto das decisións adoptadas no Consello europeo sobre a posibilidade do rescate á economía española. 

Só os socios políticos do PP apoian os orzamentos

Agás os grupos parlamentares do Partido Popular, UPN e Foro, as demáis forzas políticas --entre elas o BNG-- amosaron o seu rexeitamento, de igual maneira que acontecera cos OXE de 2012 por anteporen os intereses da banca e o pagamento da débeda ás necesidades sociais, o que suporá un lastre para o crecemento económico. Aliás, a oposición denuncia as políticas de austeridade e os recortes nas partidas orzamentarias destinadas a financiaren os servizos públicos e as políticas sociais que aseguran afondarán aínda máis as consecuencias da crise.

Os partidos nacionalistas, opóñense, asemade, ao que consideran unha estratexia recentralizadora encamiñada a desmantelar os servizos sociais --xestionados desde as administracións territoriais-- e a reducir a capacidade de decisión autónoma en favor do goberno central. O BNG, asegura na súa emenda que as políticas de austeridade e axuste “provocan un círculo vicioso que conduce a máis recesión” polo que denuncian a falta de funcionalidade duns orzamentos, din, "obsoletos" por non recolleren as exixencias que imporá a troika após a aprobación do rescate, o que se traducirá --como xa acontecera no exercicio anterior-- na aprobación de novos axustes e recortes durante o período de tramitación.

Co gallo do debate parlamentar diversos colectivos sociais intentarán rodear o Congreso ao igual que o pasado 25-S.

A tramitación parlamentar dos Orzamentos Xerais do Estado prolongarase durante a cuarta e quinta feira, despois das intervencións dos grupos da oposición por orde de representatividade. Previsibelmente e ao igual que acontecera hai seis meses coa aprobación dos anteriores orzamentos, o Partido Popular empregará a súa maioría absoluta para desbotar as emendas presentadas.

O informe definitivo --en que se poderían incorporar novas modificacións verbo das emendas parciais-- será debatido e votado en pleno entre os días 13 e 15 de novembro e após a súa aprobación será trasladado ao Senado.

comentarios