Emenda á totalidade contra uns orzamentos estatais que ‘só traen máis paro e máis crise’

As deputadas do BNG no Congreso español, defenderán unha emenda á totalidade aos OXE 2013 por “estaren feitos á medida da banca e prexudicar ás maiorías sociais”.
Olaia F. Davila e Rosana Pérez, deputadas no Congreso español
photo_camera Olaia F. Davila e Rosana Pérez, deputadas no Congreso español

Ao igual que nos Orzamentos de 2012, o BNG oponse ao anteproxecto presentado polo goberno español para os OXE do 2013. Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez presentaron esta sexta unha emenda á totalidade aos Orzamentos Xerais do Estado pois aseguran “van en contra da xente e en favor da banca”.

A emenda presentada polas nacionalistas salienta que “o pagamento dos xuros está a lastrar o crecemento económico” pois increméntanse nun 34% a respecto do exercicio anterior. Os fondos públicos que o executivo español inxectou ao longo deste tempo á banca tradúcese nun incremento notábel da débeda e obriga á cidadanía a afrontar maiores recortes nas políticas e servizos públicos. Neste senso, Fernández Davila asegurou que “as contas do Estado son unha claudicación ás demandas de Alemaña e dos mercados financeiros” e cargan as maiores reducións orzamentarias sobre partidas destinadas a ensino, saúde e políticas activas de emprego.

"Estes son os orzamentos da banca, non das persoas"

Máis recesión e maior desemprego 

Desde o BNG aseguran que as políticas de austeridade e axuste “provocan un círculo vicioso que conduce a máis recesión” polo que non se cumprirá o obxectivo de défice que o executivo pretende alcanzar o que conlevará novas medidas –como xa acontecera no exercicio anterior--. As deputadas nacionalistas denuncian a provisionalidade dos OXE e aseguran que ao igual que en 2012 o executivo encabezado por Mariano Rajoy, aprobará novas medidas de acordo “coas exixencias que implicará a chegada do rescate”.

"As políticas de austeridade e axuste só conducen a máis recesión"

Aliás, Fernández Davila criticou o anuncio do goberno español en que dicía que revalorizarían as pensións pois o proxecto prevé unha compensación do 1% fronte a unha suba do custo de vida “moi superior”. Neste senso, o executivo central avanzou a pasada semana que modificaría a fórmula de cálculo do IPC –indicador empregado para medir o incremento do custo de bens e servizos de consumo-- para adaptalo ás súas propias necesidades e non incluír no mesmo a suba da presión fiscal soportada polos fogares. A deputada nacionalista asegurou que o goberno español “está a manter en suspenso” a súa decisión “até que pasen as eleccións galegas”, afirmou a nacionalista.
Olaia Fernández, subliñou que “a conxelación dos salarios aos funcionarios e a redución das pensións non leva a reactivar o consumo” senón que pola contra agudiza a crise e os efectos desta sob as maiorías sociais.

Neste senso, as deputadas exixen ao goberno español a retirada do proxecto.

Comentarios