Pesca

A cimeira informal europea de pesca de Vigo debaterá sobre a descarbonización do sector

O encontro, que estará liderado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, tratará de avanzar na descarbonización do sector e en analizar os investimentos necesarios para mellorar a súa sustentabilidade.
Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
photo_camera Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).

A descarbonización da frota pesqueira centrará a cimeira informal de Pesca, que decorrerá en Vigo a partir desta segunda feira, 17 de xullo, no marco da Presidencia española do Consello da Unión Europea.

En concreto, o encontro, que estará liderado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, tratará de avanzar na descarbonización do sector e en analizar os investimentos necesarios para mellorar a súa sustentabilidade.

Ademais, no cume tamén se presentarán os últimos avances en innovación para desenvolver unha pesca máis eficiente, que conserve os ecosistemas mariños, segundo informou o Ministerio nun comunicado.

"A Unión Europea aspira a exercer o liderado nos foros internacionais pesqueiros e a exportar a terceiros países un modelo de pesca sostíbel desde o punto de vista social, económico e ambiental", reivindicou o Executivo.

En Vigo, o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, e os ministros debaterán sobre a transición e renovación cara a unha frota con menor dependencia dos combustíbeis fósiles e, á vez, máis segura e con mellores condicións para os pescadores.

Organizacións de produtores

Na reunión informal tamén participarán representantes de organizacións de produtores e empresas pesqueiras de España e da Unión Europea, da federación europea da acuicultura e da federación europea de mulleres da pesca, así como integrantes da sección de pesca do sindicato europeo do transporte.

O Ministerio tamén reivindicou que as cotas plurianuais e o impulso da política pesqueira comunitaria para contribuír á autonomía alimentaria serán outras das prioridades da Presidencia española do Consello.

O programa do cume, que arrinca esta segunda feira pola tarde, levará a cabo no Palacio de Congresos Mar de Vigo e inclúe unha visita á lonxa pesqueira da cidade e ao Buque Escola Intermares.

Comentarios