CIG traslada aos grupos do PP, PSdeG e Mixto a necesidade de defender a negociación colectiva en Galiza

O sindicato completa así a rolda de xuntanzas iniciada con BNG e AGE para informar do proceso de 'estatalización' da negociación e os seus prexuizos para as persoas traballadoras de Galiza.

 

CIG PP

As reformas laborais de 2011 e 2012 configuran un novo marco cara a unha 'centralización' ou 'estatalización' da negociación colectiva, afastándoa da capacidade de decisión das e dos traballadores e minguando a marxe para negociar convenios de sector na Galiza. Isto é o que denuncia a CIG, que recentemente sinalaba por boca de Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria, nunha entrevista en Sermos Galiza que “a centralización dos convenios é o marco ideal para recortar dereitos e salarios aos traballadores galegos”. Unha delegación do sindicato nacionalista iniciou unha rolda de xuntanzas cos grupos parlamentares co obxectivo de informar sobre isto e solicitar a presentación de iniciativas na cámara que permitan camiñar cara un Marco Galego de Relacións Laborais. Após se reunir en días pasados co BNG e AGE, a delegación fíxoo agora cos grupos mixto, popular e socialista.

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, e o de Finanzas, Ramiro Oubiña, manifestaron que as modificacións afectaron a materias fundamentais como a aplicación e interpretación do convenio colectivo, a flexibilidade interna, a estrutura da negociación colectiva, a lexitimación para negociar ou a concorrencia, prevalencia, contido e vixencia dos convenios colectivos.

Para a CIG é imprescindíbel derogar os decretos que permitiron chegar a este punto e recuperar o protagonismo e o fortalecemento da negociación colectiva. Neste sentido, ao igual que xa propuxera ao BNG e AGE nas xuntanzas mantidas con estes grupos a semana pasada, propuxo este mércores ao grupo Mixto, PP e PSOE que insten ao Parlamento de Galiza a aprobar que o marco galego de relacións laborais esixe que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou doutro nivel superior ao de empresa, teñan prevalencia non só sobre o convenio de empresa, senón tamén sobre os estatais.

O grupo mixto manifestou o seu compromiso a facelo e as e os representantes de PP e PSOE, comunicaron que debaterán as propostas nos seus respectivos grupos para tomar unha decisión ao respecto

Comentarios