A CIG detecta irregularidades no concurso do servizo de limpeza de Vigo

A actual concesionaria, cun currículo de acoso laboral e incumprimentos, opta a renovar no servizo de limpeza do concello de Vigo. O sindicato empraza a administración a non adxudicar a unha firma cunha bagaxe de incumprimentos tan ampla
Tránsito Fernández e Serafín Otero
photo_camera Tránsito Fernández e Serafín Otero

O 5 de outubro remata o prazo para optar ao concurso de adxudicación do servizo de limpeza das dependencias municipais de Vigo. Un procedemento en que está presente Linorsa, empresa máis que coñecida na cidade e comarca polos conflitos laborais e sindicais que xerou nos últimos meses e que é a actual concesionaria. 

A CIG anunciou as alegacións presentadas ao procedemento aberto para a adxudicación deste servizo. O secretario comarcal, Serafín Otero, e a secretaria comarcal da federación de Servizos, Transi Fernández, denunciaron as irregularidades detectadas durante o proceso.

Neste sentido, Serafín Otero criticou a actitude da actual concesionaria, Linorsa, que opta a renovar o contrato "malia incumprir os requisitos estabelecidos pola lei para poder participar no proceso, xa que foi sancionada pola Inspección de Traballo por fraude á seguridade social". O secretario comarcal da CIG de Vigo acusou a compañía de perseguir @s afiliad@s da CIG, até o punto de chegar a despedir unha delegada do comité de empresa.

Otero afirmou que estas circunstancias deberían ser consideradas "como deméritos" á hora da adxudicación por unha administración pública

Pola súa banda, Transi Fernández asegurou que o prego de condicións do concurso presenta numerosas irregularidades que poderían beneficiar Linorsa, entre as que salientou a falta de determinados datos necesarios para facer unha avaliación de custos axeitada. En concreto, os referentes aos distintos lugares de traballo: número de horas semanais, categorías laborais, tipos de contrato e idades das traballadoras.

'Inflar' o cadro de persoal

Outra anomalía sobre a que incidiu a representante sindical ten a ver co desfase no número de traballadoras do servizo, xa que as cifras facilitadas pola empresa na relación de horas e antigüidades entregada ao concello para elaborar o prego de condicións e as feitas públicas pola compañía noutras ocasións non coincide. De feito, Linorsa estaría a 'inflar' o cadro de persoal necesario para xestionar o servizo en máis de 20 persoas. Con esta manobra, segundo manifestou Fernández, Linorsa pretende disuadir outras empresas para que non se presenten

Comentarios