A CIG demanda manter a potencia dos nós nos concursos de transición xusta

A central sindical nacionalista exixe iniciar de inmediato os procesos.
Manifestación nas Pontes o pasado mes de novembro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación nas Pontes o pasado mes de novembro (Foto: Nós Diario).

A CIG-Industria exixiu esta quinta feira ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) que manteña "as capacidades de 580 megawatts para o nó de Meirama [Cerceda, comarca de Ordes] e de 1.469 megawatts para o das Pontes [comarca do Eume]", así como "iniciar de inmediato os concursos de transición xusta sen adialos para despois do ano 2026".

Así respondeu a CIG ante as últimas propostas do Miteco sobre a modificación da planificación de infraestruturas de transporte de enerxía 2021-2026 de Rede Eléctrica (en tramitación desde decembro de 2023 e que contempla unha nova subestación nas Pontes para 2026), e sobre o concurso do nó de Meirama (en trámite de participación pública desde o pasado 2 de febreiro e até o día 22).

Falta de concreción

O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco, explicou que, no caso de Meirama, e despois dun primeiro intento en xuño de 2023 para sacar a concurso uns 250 megawatts, a nova proposta do Miteco "está iniciada na etapa previa á elaboración das bases do que sería o concurso, mais nesta só aparecen aspectos a considerar para a valoración dos posíbeis proxectos industriais que se poderían propor para a adxudicación da potencia en poxa, da que non se enuncia nin se especifica a súa cantidade, aspecto fulcral".

Dita carencia, xunto coa variabilidade temporal das capacidades publicadas por Rede Eléctrica (REE), motivan "a demanda inicial e prioritaria da CIG de demandar información a REE sobre as empresas que son concesionarias de capacidade en cada un dos nós de transición xusta galegos, sinalando data, cantidade, e nome dos parques ou centrais de xeración de electricidade", concluíu Branco.

Comentarios