18-F

Besteiro e Formoso anuncian que As Pontes e Cerceda contarán cun nó de transición enerxética

O aspirante socialista a liderar San Caetano após o 18-F sostivo que a xestión dos socialistas permite atraer "emprego e investimentos". "Algo que, polo que se ve, o PP de Rueda non foi capaz de facer durante todos estes anos", lamentou.
Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, en declaracións aos medios. (Foto: Europa Press)
photo_camera Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, en declaracións aos medios. (Foto: Europa Press)

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do secretario xeral da formación, Valentín González Formoso, anunciou esta quinta feira que As Pontes e Cerceda contarán cun nó de transición enerxética. Así o avanzaron en declaracións aos medios en Santiago de Compostela, onde ambos os dirixentes socialistas dixeron que Galiza será "a protagonista" do segundo concurso convocado polo Goberno estatal para adxudicar novos nós de transición enerxética xusta.

Esta mesma quinta feira, de feito, o Ministerio de Transición Ecolóxica sacará a poxa o nó de Cerceda e a creación do das Pontes, con 400 MW e 800 MW de potencia, respectivamente. Besteiro, que destacou que Galiza "volve recuperar o protagonismo enerxético", sinalou os nós canalizan a enerxía dos parques eólicos cara ás autoestradas de alta tensión como "absolutamente estratéxicos" para o crecemento económico e industrial do país.

O aspirante socialista a liderar San Caetano após o 18-F sostivo que a xestión dos socialistas permite atraer "emprego e investimentos". "Algo que, polo que se ve, o PP de Rueda non foi capaz de facer durante todos estes anos", afirmou. "Devolvémoslle á Galiza o seu protagonismo enerxético, agora no campo das renovábeis, 1.200 millóns de euros e a creación de 500 empregos directos nos municipios das Pontes e Cerceda, ademais da construción da nova central de transformación nas Pontes, cun investimento de 13 millóns e a contratación de centenares de persoas", indicou.

Besteiro destacou que a poxa do Goberno adxudicará a potencia aos proxectos que signifiquen maior investimento e creación de emprego e subliñou que se trata "dos segundos nós de transición xusta de España", despois da experiencia do nó da antiga central térmica de Mudéjar (Andorra), de 1.200 MW, no que Endesa resultou adxudicataria cun investimento de 1.500 millóns, 650 empregos directos e 3.500 durante a construción da infraestrutura.

Pola súa parte, o xefe de filas do PSdeG e alcalde das Pontes, González Formoso, detallou que os nós de transición xusta son infraestruturas nas que a capacidade de acceso á rede eléctrica, liberada após o fechamento das centrais térmicas, adxudícase mendiante concurso para que sexa empregada polas novas centrais de enerxías renovábeis que se conecten co nó.

Estes nós de tansición permitirán evacuar a enerxía dos proxectos renovábeis que están previstos para ambos os municipios, como as centrais de bombeo reversíbel proxectadas para as lagoas das Pontes e Meirama. Ademais, Formoso detallou que, no caso das Pontes, o concurso anunciado polo Goberno español suporá inicialmente un investimento de 13 millóns de euros para crear o citado nó, debido a que segundo certifica Rede Eléctrica non existe capacidade de evacuación na propia central térmica.

Isto fará necesaria a contratación dunha nova central de transformación, que se situará no lugar de Maciñeira e que servirá tamén para reforzar a subministración eléctrica aos demais proxectos industriais anunciados para As Pontes, indicou Formoso. O rexedor das Pontes e xefe de filas do PSdeG dixo que se trata do único caso do Estado español no que se vai a facer algo similar, un investimento económico e de xeración de emprego que se suma a outros proxectos xa en tramitación, como a fábrica de ENCE ou a planta de hidróxeno de Reganosa, "nos que levamos moito tempo traballando e que devolverán ás Pontes o seu liderado enerxético, agora no campo das renovábeis", dixo.

O secretario xeral do PSdeG puxo en valor as xestións del mesmo e de Besteiro co Ministerio e con Rede Eléctrica para lograr este fito que "fai xustiza" coas Pontes e Cerceda. Besteiro, pola súa parte, agradeceu que o Goberno estatal "invista na Galiza", o que significará que as empresas que compitan na poxa teñan que investir e xerar emprego "de calidade" no país.

Comentarios