ECONOMÍA

A CIG advirte dos prexuízos que terán no emprego os tratados internacionais de comercio

CETA E TTIP

A CIG advirte dos prexuízos que terán no emprego os tratados internacionais de comercio

A CIG congregou este mediodía centos de persoas contra os tratados internacionais de comercio que terán “graves consecuencias nas nosas condicións de traballo e na nosa calidade de vida”, en palabras do secretario xeral, Suso Seixo.

Concentración contra o TTIP
photo_camera Concentración contra o TTIP

Ao berro de “Nin CETA co Canadá, nin TTIP cos Estados Unidos!”, centos de persoas mobilizáronse este medio día coa CIG nas concentracións organizadas nas cidades e vilas do país en contra dos tratados internacionais de comercio CETA e TTIP. En declaracións aos medios na protesta de Compostela, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, advertiu das “graves consecuencias”  que terán os tratados para “as nosas condicións de traballo e a nosa calidade de vida”.

Denunciou o “secretismo” co que están a ter lugar as negociacións, por iso salientou a necesidade de dar a coñecer estes tratados e de chamar a atención sobre a sociedade galega. As grandes corporacións económicas e os partidos políticos que defenden os seus intereses, salientou, xustifican os tratados alegando que suporán crecemento económico e creación de emprego. Estas xustificacións representan “un engano á opinión pública” ao estar, “ben lonxe da realidade”.

O secretario xeral da CIG alerta de que “é fácil que se dea destrución de emprego en moitos sectores incapaces de competir cos produtos das multinacionais norteamericanas e que o que se cree sexa en precario, con baixos salarios e con moitos menos dereitos”. Amais das consecuencias negativas no traballo, sinalou que outras medidas como a supresión de aranceis “poden afectar moi directamente ao noso sector agrogandeiro”. Na mesma liña, sinalou que os Estados poden verse demandados diante de tribunais de arbitraxe privados por parte de multinacionais que se sintan prexudicadas nos seus beneficios.

“Estamos a falar dunha harmonización á baixa, tanto da lexislación presente como futura, con graves consecuencias e prexuízos canto a perda de dereitos e calidade de vida para a clase traballadora e para a cidadanía en xeral”, alertou. Fronte a isto, chamou a “informar, concienciar e mobilizarse”, pola importancia que ten o coñecemento por parte da opinión pública”.

Suso Seixo reclamou a soberanía para as nacións, co fin de que os Parlamentos sexan “realmente representativos”. Isto é fundamental, subliñou, no caso de nacións sen Estado como Galiza, co fin de acadar a “absoluta competencia en todas as materias”. Só así, engadiu, poderanse desenvolver “políticas económicas e sociais máis favorábeis á clase traballadora sen ter que depender das decisións que ao respecto adopten institucións como a UE ou o BCE, que están totalmente controladas polo capital financeiro”.

As concentracións da CIG coincidiron coa manifestación convocada en Bruxelas como colofón a unha semana de protestas en diferentes cidades europeas.

Máis en ECONOMÍA
comentarios