A cifra de negocios da industria galega reduciuse 10,9% o pasado mes de xuño

As vendas do sector servizos caen por primeira vez en 28 meses.
Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).

A cifra de negocios da industria baixou na Galiza 10,9% o pasado xuño en comparación co mesmo mes do ano 2022, segundo os datos difundidos esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Trátase dunha caída das vendas industriais case catro puntos porcentuais máis intensa que a experimentada no conxunto do Estado español (-7%).

Na comparanza co mes anterior (maio), as vendas da industria galega descenderon 1,4%, tres décimas porcentuais máis do que o fixeron a nivel estatal (1,1%). Non habendo datos desagregados no caso galego, a caída interanual das vendas industriais no Estado debeuse ao retroceso da cifra de negocios da enerxía, de 40,8%, e dos bens intermedios (os empregados para fabricar outros bens), de 11,7%.

Pola súa parte, o sector servizos da Galiza recortou a súa facturación 0,6% en xuño respecto ao mesmo mes de 2022, no que significa o primeiro descenso interanual da cifra de negocios nos últimos 28 meses. A baixada galega é similar á rexistrada a nivel estatal (-0,7%). Ademais, en termos de emprego nos servizos, ao igual que no resto de autonomías, a Galiza presenta taxas de variación interanual positivas. Porén, a evolución no país, de 1,1%, fica lonxe da taxa de 2% rexistrada a nivel estatal.

Balanza comercial

O superávit comercial da Galiza triplicouse no primeiro semestre, de modo que o saldo entre exportacións e importacións situouse en 4.559 millóns de euros, segundo os datos que publicou esta quinta feira o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

En xuño, a Galiza contabilizou exportacións por valor de 2.660 millóns de euros, 4,9% menos que no mesmo mes do ano anterior. Mentres tanto, as importacións baixaron 32,4%, até os 1.699 millóns de euros. No primeiro semestre do ano, as exportacións supuxeron un importe de 14.973 millóns, 3,9% máis, e as importacións caeron 19,2%, a 10.414 millóns. 

No conxunto estatal, o déficit comercial situouse en 16.420,4 millóns de euros nos seis primeiros meses do ano, o que representa unha redución de 48,6% respecto ao mesmo período do ano anterior. A rebaixa do déficit na balanza comercial do Estado débese a un incremento das exportacións de 4,7% interanual, até alcanzar os 199.951 millóns de euros, novo máximo histórico, mentres que as importacións reducíronse 2,9%, até os 216.372 millóns de euros.

O saldo non enerxético lanzou un superávit para a balanza comercial estatal de 284,5 millóns de euros até o mes de xuño, fronte ao déficit de 6.069 millóns de euros do mesmo período do ano anterior, ao tempo que o déficit enerxético reduciuse até unha cifra de 16.705 millóns. 

A taxa de cobertura comercial (a porcentaxe das exportacións que poden pagarse coas importacións rexistradas durante un mesmo período de tempo) do Estado no primeiro semestre de 2022 situouse en 92,4%, o que supón 6,8 puntos porcentuais máis que a rexistrada no mesmo período de 2022 (85,7%). 

A balanza comercial demostra como a enerxía provoca que a Galiza manteña un superávit comercial (ao contrario que o Estado) a partir duns ingresos que na súa maioría acaban en empresas con sede fiscal no exterior.

A Unión Europea reduce as compras a Beijing e Moscova

A zona euro contabilizou no primeiro semestre de 2023 un saldo positivo de 5.300 millóns de euros na súa balanza comercial, en contraste co déficit de 151.800 millóns do mesmo período do ano anterior, segundo os datos de Eurostat.

No conxunto da Unión Europea (UE), a balanza resultou nun déficit de 4.200 millóns de euros, 98% inferior ao saldo negativo de 201.300 millóns durante o primeiro semestre de 2022.

As compras da UE na China no período foron de 262.400 millóns de euros (-13%), mentres que as realizadas en Rusia caeron a 29.300 millóns (-76%). Porén, Bruxelas segue tendo unha situación de déficit comercial con Beijing e con Moscova. Ademais, a UE aumentou as súas importacións desde os EUA até os 172.500 millóns (+2,7%), aínda que conserva o superávit a nivel bilateral.

Comentarios