Especial 25-X

A carencia de alimentos en Galicia

O abandono da actividade agraria en Galicia, que acadou valores extremos nas últimas décadas, supuxo que o noso país presente hoxe en día un raquítico nivel de cobertura das súas necesidades alimentarias de produción vexetal. A dependencia exterior respecto a cereais, hortalizas, legumes, froitas, froitos secos ou aceite significa, ademais dun lastre para a nosa economía, quedar a expensas dos países produtores e dos mercados globais. Galicia necesita pór en marcha de xeito urxente unha nova política agraria que recupere a produción propia de alimentos vexetais para consumo humano.
Eucaliptos ao fondo dunha plantación de millo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Eucaliptos ao fondo dunha plantación de millo. (Foto: Nós Diario)

*Marcelino Fernández Mallo é economista e consultor

A primeira condición para a supervivencia dun país é que teña garantida a cobertura das súas necesidades básicas. Que futuro lle pode esperar a un pobo se o aire que respira está contaminado, se as augas que bebe están corrompidas, se as súas vivendas son inhabilitables ou son estériles as súas terras? En concreto, que futuro pode agardar un país incapaz de asegurar á súa poboación os alimentos que necesita para satisfacer os seus requirimentos nutritivos?

Tras a Segunda Guerra Mundial produciuse unha auténtica metamorfose nos sistemas agrarios que afectou de maneira diversa aos distintos territorios. En décadas seguintes, novos eventos de enorme transcendencia política e económica terminaron por cambiar a fisionomía do medio rural en Europa. Algunhas comunidades “optaron” por relegar a súa produción agraria e confiar as súas provisións alimentarias aos mercados globais.

O nivel de abandono representou niveis diferentes en función dos territorios; en Galicia, o abandono foi extremo tal como amosa, por exemplo, a invasión dos eucaliptais, plantacións dunha especie exótica nefasta para a biodiversidade, a calidade dos solos, os caudais dos acuíferos e a paisaxe. Unha consecuencia deste abandono é o nivel de cobertura das necesidades alimentarias de orixe vexetal que presenta Galicia, o cal pode cualificarse de minúsculo como habemos comprobar no presente artigo.

[Podes ler a análise íntegra de Marcelino Fernández Mallo no caderno especial Día da Patria Galega que se distribuirá de balde xunto ao Nós Diario a próxima terza feira, 25 de xullo]

Comentarios