Canto tributan as grandes multinacionais polas súas ganancias?

A OCDE aposta por un tipo impositivo mínimo global.
O fundador de Amazon, Jeff Bezos, nunha carreira de Formula 1 (Foto: Antonin Vincent / Dppi / Afp7 / Europa Press).
photo_camera O fundador de Amazon, Jeff Bezos, nunha carreira de Formula 1 (Foto: Antonin Vincent / Dppi / Afp7 / Europa Press).

As grandes multinacionais tributan máis da terceira parte das súas ganancias con tipos impositivos por baixo de 15%, segundo un estudo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), unha organización internacional que engloba os Estados máis ricos do mundo, e que cifra en 1,96 billóns de euros a media de ganancias das grandes corporacións gravadas por baixo deste limiar, o que equivale a 36,1% das totais.

"Estimamos que, de media, hai 1,96 billóns de euros de ganancias de grandes multinacionais gravadas a taxas inferiores a 15% cada ano", afirmou a OCDE, que tamén destacou que, desa cifra, máis da metade (53,2%) corresponde a xurisdicións que non teñen un tipo impositivo medio inferior a 15%.

"Os achados resaltan como a introdución dunha taxa impositiva mínima global sobre as ganancias das grandes empresas multinacionais acordada polo Marco Inclusivo da OCDE e o G20 [outro dos grupos conformados por Estados poderosos] crearía novas oportunidades para a mobilización de recursos internos tanto para xurisdicións con altos impostos como para xurisdicións con baixos impostos", sostivo a OCDE.

En conxunto, o estudo sinala que os beneficios das grandes empresas multinacionais están gravados a un tipo impositivo efectivo medio ponderado en función das ganancias de 19,1%.

Con todo, advirte de que "unha parte substancial das ganancias" das empresas analizadas, multinacionais con ingresos anuais superiores a 750 millóns de euros, "está suxeita a impostos a taxas moito máis baixas".

Duns beneficios netos anuais medios de 5,41 billóns de euros, 12,7% ou 688.918 millóns de euros están gravados por baixo de 5%, e 23,4% ou 1,27 billóns están gravados entre  5% e 15%.

Deste modo, a maioría das ganancias das grandes empresas multinacionais están gravadas a tipos que oscilan entre 15% e 30% e unicamente 248.852 millóns de euros ou 4,6% das ganancias están gravadas a taxas superiores a 35%.

Comentarios