O BNG propón empregar os fondos europeos na xuventude galega e non darllos ás multinacionais

A líder do BNG insta Feixoo a traballar para que a xente nova non teña que marchar por falla de oportunidades na Galiza.
Ana Pontón, este sábado en Pontevedra no acto de Galiza Nova (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, este sábado en Pontevedra no acto de Galiza Nova (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta que destine os fondos europeos Next Generation a políticas para o emprego xuvenil e o acceso á vivenda da xente nova en lugar de "pasar ás contas de multinacionais".

Pontón, que este sábado participou na presentación do 'Plan Galiza Nova para construír un futuro', coordinado pola organización xuvenil, lembrou o Goberno de Alberto Núñez Feixoo que hai 218.000 galegas e galegos emigrados menores de 34 anos, xa que, segundo lle botou en cara, "non dá oportunidades" á xente nova, á que denominou como "xeración estafada".

Nesta liña, a portavoz nacional do BNG sinalou 27% de paro xuvenil como un dos problemas máis graves na Galiza e criticou que, "aínda por riba", por parte do Executivo galego criminalizouse á xente nova durante a pandemia.

Por iso, co acto de onte, o Bloque quixo amosar o seu apoio á mocidade galega mediante varias iniciativas, como a proposta dun plan de emprego xuvenil e un 'plan retorna' con axudas para incentivar a volta a Galicia dos mozos emigrados.

Ademais, propuxeron a creación dun banco galego de vivenda como solución á baixa taxa de emancipación nunha Galiza na que hai 330.000 vivendas baleiras, segundo o Bloque, a maioría en mans da banca e fondos voitre.

Nervios no PP

A líder do BNG tamén se pronunciou sobre a iniciativa que os populares levarán ao Parlamento para obrigar o Bloque a situarse sobre se queren ou non a independencia para Galiza que, ao seu xuízo, evidencia que no PP "están moi nerviosos" polo "avance do BNG".

A líder dos nacionalistas galegos censura que os populares chegaron a "un punto que xa é de delirio, por non dicir de facer o ridículo". Preguntada a este respecto,respondeu que "non sabía se rirse" e recriminou o partido de Alberto Núñez Feixoo que "estean máis preocupados de facer oposición ao BNG" que de tratar outros temas como a emigración e o paro xuvenil.

Comentarios