As grandes multinacionais deixaron de tributar 245.000 millóns no ano 2020

As grandes fortunas aforraron 427.000 millóns polas políticas fiscais.
O centro de Londres (Inglaterra) é un dos focos de evasión fiscal. (Foto: Tristan Surtel)
photo_camera O centro de Londres (Inglaterra) é un dos focos de evasión fiscal. (Foto: Tristan Surtel)

O estado da xustiza fiscal é a publicación de referencia para coñecer o alcance da fraude a nivel internacional. A investigación edítase con carácter anual e ten como entidades impulsoras a Alianza Global para a Xustiza Fiscal, conglomerado de organizacións da sociedade civil, o grupo de análise Tax Justice Network e Public Services International, federación sindical que agrupa 700 sindicatos e máis de 300 millóns de traballadores do sector público de todo o mundo.

O prestixio deste estudo derívase da metodoloxía empregada que difire da utilizada pola maioría de traballos análogos. Neste sentido, destaca por utilizar os dados de informes agregados desagregados por países publicados pola OCDE para estimar as perdas fiscais corporativas de todos os Estados. Isto permite, observar e medir directamente o abuso fiscal, certificando o desaxuste entre os lugares onde as empresas multinacionais declaran as súas ganancias e aqueles onde desenvolven unha actividade económica real.

O relatorio só repara nas perdas directas porque considera que as indirectas xorden como un efecto secundario das primeiras. A este respecto, o informe entende que os Gobernos reducen os tipos efectivos corporativos legais para contrarrestar as perdas directas debido ao “abuso fiscal corporativo”, atraer empresas multinacionais e, en última instancia, aumentar os ingresos fiscais a través da “competencia fiscal”, que para os autores da investigación constitúe unha idea errada porque provoca uns ingresos fiscais aínda máis baixos para todos os Estados.

Unha fiscalidade para favorecer as fortunas

Os Estados deixaron de ingresar 427.000 millóns de dólares en impostos como consecuencia “dunha fiscalidade pensada para favorecer as grandes fortunas”. Segundo se recolle no estudo, en “2020 de 427.000 millóns de dólares que deixaron de recadar os Estados de todo mundo, 245.000 millóns perdéronse debido a que as empresas multinacionais transferiron as súas ganancias a paraísos fiscais a fin de ocultar os beneficios que obtiveron realmente nos países nos que operan”.

A seguir, o traballo sinala que “182.000 millóns de dólares perdéronse debido a que as persoas adiñeiradas ocultaron activos e ingresos non declarados no estranxeiro, fóra do alcance da lei”.

Os autores do informe responsabilizan desta situación ao poder dos grandes grupos económicos para determinar as políticas fiscais dos diferentes Estado.

Neste sentido, sinalan que “os sistemas fiscais da maioría dos países do mundo programáronse para priorizar os intereses dos xigantes corporativos máis grandes e dos millonarios, sen limitacións xeográficas, por riba das necesidades da sociedade. En casos máis extremos, os sistemas fiscais programáronse para favorecer amplamente o abuso fiscal por parte dos máis ricos”.

A lóxica dos paraísos fiscais enténdese no marco desta correlación de forzas, como territorios programados para permitir que as empresas multinacionais transfiran ganancias e así diminuír artificialmente as súas contribucións fiscais xenerais ao Estado.

Comentarios