Redución do consumo, taxa de solidariedade... Estas son as medidas de aforro enerxético aprobadas pola UE

Os Estados membro estarán obrigados a diminuír a demanda de electricidade en 5%.
Xuntanza dos ministros e ministras de Enerxía dos países que integran a Unión Europea. (Foto: EU Council / DPA)
photo_camera Xuntanza dos ministros e ministras de Enerxía dos países que integran a Unión Europea. (Foto: EU Council / DPA)
  1. Vixencia até decembro de 2023
  2. Redución do consumo
  3. Taxa de solidariedade
  4. Máximo de 180 euros/MWh no pool
  5. Outras medidas

Os ministros de Enerxía da Unión Europea fecharon esta sexta feira un acordo político sobre as medidas de emerxencia comúns para intervir o mercado eléctrico comunitario. Logo de pouco máis dunha hora de reunión, os titulares de Enerxía dos Vinte e sete adoptaron estas medidas de emerxencia para fixar unha redución obrigatoria do consumo de electricidade de 5% nas horas punta, estabelecer unha taxa de "solidariedade" ás intermediarias de combustíbeis fósiles, como petroleiras, ou redistribuír aos máis vulnerábeis os beneficios extraordinarios das tecnoloxías inframarxinais que vendan a electricidade por riba de 180 euros/MWh.

"Creo que hoxe daremos outro paso necesario para xestionar a crise enerxética. A Comisión propuxo medidas para reducir a demanda de enerxía e xerar beneficios", indicou a comisaria de Enerxía, Kadri Simson, á súa entrada ao Consello de ministros de Enerxía da UE. Simson precisou que estes instrumentos "relaxarán a presión nos prezos".

Vixencia até decembro de 2023

As medidas, que serán formalmente adoptadas por procedemento escrito a próxima semana, non entrarán en vigor até o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), e a súa aplicación estenderase do 1 de decembro do presente exercicio ao 31 de decembro de 2023, aínda que Chipre e Malta contan con excepcións específicas pola súa condición de illas enerxéticas.

Redución do consumo

Así, os ministros de Enerxía subscribiron a proposta de Bruxelas de fixar unha redución obrigatoria de 5% no consumo da electricidade nas franxas horarias de máximo consumo, e unha diminución voluntaria de 10% da demanda de electricidade entre o 1 de decembro de 2022 e finais de marzo de 2023. Sexa como for, corresponderá a cada país introducir as medidas axeitadas para alcanzar os obxectivos de redución do consumo durante este período.

"O acordo alcanzado hoxe suporá un alivio para os cidadáns e empresas europeas. Os Estados membro aplanarán a curva de demanda de electricidade durante as horas punta, o que terá un efecto positivo directo nos prezos", indicou o ministro checo de Industria e Comercio, Jozef Síkela.

Taxa de solidariedade

Aliás, os Vinte e sete pactaron unha taxa de "solidariedade" ás empresas intermediarias de combustíbeis fósiles, como petroleiras, gasistas ou o sector do refino. Esta medida fixará unha "contribución" de 33% sobre os beneficios obtidos até o 31 de decembro de 2023 e que se sitúen 20% por riba da media dos últimos catro anos.

O imposto articúlase como unha contribución temporal e o importe recadado destinarase a fogares vulnerábeis, ás empresas máis afectadas e ás industrias electrointensivas.

Máximo de 180 euros/MWh no pool

A terceira das medidas acordadas polos países da UE pasa por estabelecer un máximo de 180euros/MWh ao prezo ao que as tecnoloxías inframarxinais —as que producen electricidade por baixo das produtoras de ciclo combinado de gas como as renovábeis ou a nuclear— poden vender a electricidade no mercado grosista, o denominado pool.

Outras medidas

O acordo prevé tamén a posibilidade de que os países introduzan modificacións como fixar un limite de prezos máis elevado, utilicen medidas para limitar os beneficios do mercado, estabelezan diferenciacións por tecnoloxías ou apliquen límites aos beneficios no mercado a outros operadores, como os provedores.

Aliás, estabelece que estas medidas serán compatíbeis coas implementadas a nivel estatal polos Estados membro se teñen un carácter equivalente, como é o caso do mecanismo de minoración do gas ou o imposto sobre os ingresos das grandes enerxéticas.

Con este instrumento, que estará operativo até o 30 de xuño de 2023, preténdese atallar os beneficios extraordinarios destas compañías de electricidade, que se redirixirán a cubrir a factura eléctrica dos colectivos máis vulnerábeis, para o que os Estados membro poderán aplicar as medidas que consideren máis convenientes e incluír certas flexibilidades para adaptarse ás circunstancias de cada mercado.

O acordo contempla, así mesmo, que para aqueles países nos que a importación de electricidade é superior a 100% do que produce deberán estabelecer acordos cos países exportadores para compartir os excedentes dos ingresos e deberán fechar estas alianzas antes do 1 de decembro.

Comentarios