Botín afirma que Bankia vai ser un "negocio rendíbel" para o goberno español

O presidente do Banco de Santander amosouse seguro de que o Estado "acabará gañando cartos" coa fórmula elexida para Bankia
Emilio Botín
photo_camera Emilio Botín

O presidente do Banco de Santander cualificou de "un acerto" a fórmula elexida polo Goberno español para facer frente á crise de Bankia. Para Emilio Botín, a actuación do executivo de Mariano Rajoy partiu de dar unha solución "excepcional" a un problema que tamén é "excepcional".

É mais, Botín considera que a actuación do goberno español permite afirmar que o problema de Bankia fica resolto e mesmo apuntou a que o Estado "acabará gañando cartos" coa fórmula elexida para Bankia. "Será un negocio rendíbel" para o executivo central, apostilou.

O presidente do Santander considera que se Europa achegase unha cantidade de arredor de 40.000 millóns de euros acabaría o problema do sistema financeiro español. Esa cantidade sería destinada a Bankia, Novagalicia Banco, Banco de Valencia e Catalunya Caixa, entidades que precisarían dese investimento.

Apoio aos recortes

Alén diso, Botín (ao que se tiña sinalado no seu tempo como o banqueiro próximo ao PSOE de Felipe González, e non por cuestións precisamente ideolóxicas) tamén eloxiou as medidas adoptadas por Mariano Rajoy nestes meses, sinalando que aínda sendo "incómodas", son "importantes" e van polo bo camiño.

Comentarios