Sen carga de traballo, con promesas incumpridas que se amorean na súa historia recente, o sector naval atópase nunha situación límite sen solución para as súas demandas claves, levantar o veto o dique flotante e levantar o veto á construción naval. Así definiu a situación o voceiro do BNG, Xavier Vence ao po sobre a mesa a “proposta estratéxica” para o sector que pasa por segregar os centros de Ferrol e Fene de Navantia e crear unha empresa pública galega. Defendeuno a no acto de Ferrolterra celebrado na sexta feira, despois da reunión co comité de empresa ao que lle transmitiu a súa proposta.
Vence: “Feijóo dixo que os estaleiros galegos estarían cortando chapa para a construción deses floteis fai máis dun ano"
O portavoz Xavier Vence avogou pola segregación dos centros de Ferrol e Fene e a conversión nunha empresa pública galega de construción naval xa que “está lastrando o desenvolvemento dos estaleiros galegos, moi competitivos e produtivos pero que están perdendo mercado pola rémora que significa o resto de Navantia”. Ao seu ver, a actual configuración ten uns efectos “desastrosos” coa centralización en Madrid e unha dirección que é, segundo dixo, “un cemiterio de elefantes ou centro de colocación dos fillos das familias do PP madrileño que están levando á empresa á ruína”.
O BNG defendeu unha folla de ruta propia para os estaleiros galegos e presentou a súa proposta para ser debatida coas partes implicadas como a máis acaída maneira de “frear o premeditado desmantelamento do sector naval de Ferrolterra”. I
Como “esperpento” cualificou Vence os anuncios do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo a respecto dos floteis de Pemex. “Feijóo dixo que os estaleiros galegos estarían cortando chapa para a construción deses floteis fai máis dun ano. A estas alturas aínda seguimos esperando pola resolución dun concurso que se resolverá en novembro. Confiamos en que Galiza consiga ese contrato, pero é evidente que Feijóo estivo enganando ao sector e ao conxunto da cidadanía”, dixo no acto desenvolvido en Ferrol.