A eliminación da bonificación aplicada aos carburantes provoca unha suba dos prezos

A inflación subxacente ascende a 7,5% e supera en 1,7 puntos o IPC xeral.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) atribuíu a suba do IPC interanual no Estado español aos prezos máis altos dos combustíbeis (Foto: Maria Sbytova).
photo_camera O Instituto Nacional de Estatística (INE) atribuíu a suba do IPC interanual no Estado español aos prezos máis altos dos combustíbeis (Foto: Maria Sbytova).

A inflación interanual no Estado español subiu en xaneiro até unha taxa de 5,8%, rompendo unha serie de cinco meses consecutivos de caídas, debido ao aumento dos prezos dos combustíbeis unha vez se eliminaron os subsidios aos carburantes para a poboación en xeral.

De modo que esta suba de prezos con respecto ao mes de xaneiro de 2022 foi máis acusada para aqueles núcleos de poboación afastados das redes de transporte público e que teñen unha maior dependencia do emprego do vehículo persoal. 

Unha situación que afectou gran parte da poboación galega, que sufriu máis o aumento do Índice de Prezos de Consumo (IPC) interanual, en contraste con aquelas zonas que contan cun maior peso demográfico das áreas metropolitanas.

Así, á espera de que sexan publicados os novos datos para a Galiza, que no mes de decembro experimentou unha inflación de 6,4% -0,7 puntos porcentuais superior á do Estado-, o IPC situouse en 5,8% a nivel estatal, unha décima por encima da taxa rexistrada no decembro pasado (5,7%), segundo mostran os datos preliminares publicados na segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Os datos preliminares do IPC son maiores aos prognósticos realizados polos economistas enquisados por The Wall Street Journal, que en xaneiro esperaban unha inflación interanual no Estado español de 4,9%.

O INE atribuíu a suba aos prezos máis altos dos carburantes e a un menor descenso nos prezos do vestido e calzado. Pola súa parte, a taxa interanual da inflación subxacente, que exclúe as categorías máis volátiles, como os alimentos frescos e a enerxía, aumentou cinco décimas en comparación co pasado mes de decembro, até 7,5%, situándose 1,7 puntos porcentuais por encima do nivel de inflación xeral.

En termos mensuais (xaneiro do 2023 sobre decembro de 2022), o IPC rexistrou un descenso de tres décimas, fronte ao incremento de 0,2% do mes anterior e a baixada de 0,4% experimentada un ano antes. O INE publicará os datos definitivos do IPC de xaneiro o próximo 15 de febreiro, cando tamén se coñecerán os datos relativos á Galiza, así como a desagregación da evolución dos prezos dos grupos de produtos e servizos.

O Euribor repunta a 3,3%

O Euribor a 12 meses, índice de referencia para a maioría de hipotecas variábeis na Galiza, alcanzou na segunda feira unha taxa media de 3,333% para o mes de xaneiro, o que supón o seu maior nivel desde decembro de 2008, cando fechou en 3,452%.

A taxa diaria situouse a segunda feira en 3,368%, o que supón o segundo maior dato do mes, só por detrás do 3,370% do día 11 de xaneiro. Durante todas as xornadas deste mes, a taxa de referencia situouse por encima de 3,3%.

A taxa de referencia podería sufrir unha repunta durante o mes de febreiro, xa que esta semana reúnense tanto o Banco Central Europeo (BCE) como a Reserva Federal dos Estados Unidos de América (Fed) coa previsión de subir os tipos de xuro.

A media do Euribor en decembro foi de 3,018%, polo que, a falta de coñecer o dato desta terza feira, o incremento da taxa de referencia durante o presente mes foi de 0,315 puntos porcentuais.

A crise inflacionista estase a ancorar nos sectores económicos

O elevado rexistro da inflación subxacente deste xaneiro manifesta que o incremento xeral dos prezos está a facerse notar no conxunto dos sectores económicos, que non poden conter máis o seu avance ao afrontaren cada vez un custo maior das materias primas.

A suba dos prezos a nivel xeral non se repercute de inmediato en todos os sectores, senón de forma paulatina, e neste sentido, os economistas poñen o foco no risco de que se "ancore" na economía a inflación subxacente, a pesar de que o IPC xeral interanual xa experimentou os seus picos máis altos o pasado mes de xullo.

Da evolución do IPC subxacente tamén depende a posibilidade de que o Goberno do Estado español amplíe as rebaixas no Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de determinados alimentos, que serán anuladas e este indicador cae por baixo de 5,5% no próximo mes de xuño.

Comentarios