A presidenta do BCE "vixilará" a suba de salarios por "afectar á inflación"

Lagarde adianta que subirá os tipos de xuro, unha medida que encarecería as hipotecas.
Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo. (Foto: Arne Dedert / dpa).
photo_camera Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo. (Foto: Arne Dedert / dpa)

A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, sinalou que a institución prestará atención á evolución á alza que están a rexistrar os salarios xeralmente na zona euro e as súas implicacións para as perspectivas de inflación a medio prazo.

Na súa comparecencia onte diante da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios do Parlamento Europeo, a francesa destacou "a solidez mostrada polo mercado laboral da eurozona".

Lagarde advertiu de que os datos entrantes "suxiren que os salarios se están recuperando", sinalando que o BCE continuará avaliando as implicacións desta evolución para as perspectivas de inflación a mediano prazo. Porén, os datos contradín esta recuperación dos salarios. Así o aumento dos prezos no que vai de ano na Galiza leva un ritmo moi superior (máis de 200%) ao dos salarios.

Subirá os xuros 

Lagarde asegurou tamén que a institución subirá os tipos de xuro tanto como sexa necesario para alcanzar a estabilidade e chegar á "fase adecuada". Se se confirma esta decisión, tería como consecuencia inmediata unha suba tamén dos xuros das hipotecas como aconteceu hai uns meses.

O pasado mes de outubro, a inflación da zona euro alcanzou un récord histórico do 10,6%, e aínda que a presidenta do BCE recoñeceu que lle gustaría que este fose o pico, afirmou que iso lle "sorprendería", pois existe agora mesmo "demasiada incerteza", en especial no que respecta aos prezos da enerxía e á cesta da compra. 

Diante do que cualificou como "risco", segundo lle advirten os  propios economistas do BCE, Lagarde apuntou os tipos de xuro como a ferramenta "principal e máis eficiente" para "domar" a inflación nas actuais circunstancias. "Si, imos subir os xuros e temos que reducir a demanda. Farémolo, non nos distraeremos", incidiu a directora do BCE.

Da mesma maneira, sinalou que os plans orzamentarios presentados polos Estados membros poden contribuír a exercer máis presión na economía e, en consecuencia, a unha maior inflación se non responden as recomendacións de incluír medidas temporais e adaptadas aos máis afectados pola situación actual. 

Por último, Lagarde evitou comentar a proposta da Comisión para estabelecer un límite aos prezos das compras de gas, que inclúe varias mencións ao BCE entre as institucións que se encargarían de monitorizar o seu impacto. A presidenta avanzou que a institución europea dará unha opinión "madura e reflexiva" no seu momento.

Comentarios