A evolución do IPC ao remate do ano 2022: Os prezos seguen á alza e a inflación subxacente alcanza o récord do século

O ano 2022 fecha coa tarifa da luz máis cara da serie histórica.
Evolución do prezo medio anual da luz no mercado almacenista ibérico (Gráfica: Nós Diario).
photo_camera Evolución do prezo medio anual da luz no mercado almacenista ibérico (Gráfica: Nós Diario).
  1. Os prezos aumentan 0,3% en decembro con respecto ao mes anterior
  2. O IPC subxacente alcanza 6,9%: maior taxa do século
  3. Subas dos produtos no que vai de ano
  4. 2022 fecha coa tarifa da luz máis cara da serie histórica
  5. A luz marca hoxe o seu prezo máis baixo do ano
  6. As cotas hipotecarias incrementáronse durante o ano 2022
  7. 2023 comezará con novos incrementos nos prezos
  8. Encarecemento dos coches e da telefonía
  9. O custo das importacións galegas encareceuse o dobre que o das exportacións

Os prezos aumentan 0,3% en decembro con respecto ao mes anterior

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) do Estado español subiu tres décimas en decembro en relación ao mes anterior e recortou un punto a súa taxa interanual, até ficar en 5,8%, a súa cifra máis baixa desde novembro de 2021, cando se situara en 5,5%, segundo o avance publicado esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 

A pesar de térense encarecido os prezos no último mes, en termos interanuais, a inflación suma cinco meses consecutivos de descensos, desde setembro. Isto débese ao feito de que esta comparación faise cos prezos do mesmo mes do ano anterior, sendo os datos da inflación interanual maiores de 4% de forma consecutiva precisamente desde setembro de 2021, polo que aínda que o encarecemento persista, as taxas son inferiores.

A taxa de IPC interanual está moi influenciada por unha moderación na suba do custo da electricidade e por un descenso maior no prezo dos combustíbeis. Pola súa parte, o custo do vestido e do calzado diminúen, pero menos que en decembro de 2021, así como o do tabaco e o dos alimentos elaborados. 

O dato de IPC interanual de decembro utilízase nalgúns convenios como referencia para as revisións salariais. Aqueles que conteñan unha cláusula de salvagarda para compensar a suba inicial do ano co IPC interanual de decembro terán que tomar como referencia a porcentaxe que o INE acabe confirmando o vindeiro 13 de xaneiro.

O IPC subxacente alcanza 6,9%: maior taxa do século

A taxa de IPC superou a xeral e alcanzou o seu máximo no que vai de século. Deste modo, a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en decembro subiu seis décimas, até 6,9%, situouse máis dun punto porcentual por riba do IPC xeral.

O IPC subxacente é un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, máis volátiles ao depender con máis forza de diversos factores vencellados á economía internacional. A inflación subxacente trátase polo tanto dunha cifra considerada máis estrutural, polo que o seu incremento indica un asentamento do incremento dos prezos a medio prazo.

O elevado rexistro da inflación subxacente deste decembro manifesta que o incremento xeral dos prezos xa está a facerse notar dado que os produtores non poden conter máis o seu avance ao afrontaren cada vez un custo maior das materias primas. E é que a suba dos prezos non se repercute de inmediato en todos os sectores, senón que o fai de forma paulatina.

Subas dos produtos no que vai de ano

Na Galiza, no que vai de ano, neste caso con datos até novembro, os alimentos e bebidas non alcólicas son o grupo de produtos que máis subiron, cunha alza acumulada de 13,5%. A continuación séguenlle os produtos e servizos relacionados co transporte, que experimentaron un incremento de 10,2%. Posteriormente, os restaurantes e hoteis encareceron 8,6%. Pola súa parte, os móbeis, así como os artigos do fogar e para o mantemento do fogar aumentaron de prezo en 7,9%, e as bebidas alcólicas e o tabaco en 5,1%.

2022 fecha coa tarifa da luz máis cara da serie histórica

O prezo da luz para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado almacenista fechou 2022 en 209,4 euros por megawatt hora (MWh) de media, polo que se sitúa como o ano máis caro desde o comezo da serie histórica, en 1998.

Con estas cifras, o prezo medio da luz en 2022 case duplicou os 111,85 euros/MWh de media que se rexistraron o ano pasado, que supuñan o anterior récord histórico. En 2022 tamén se rexistrou o mes co prezo medio máis caro de toda a serie histórica, en concreto, o pasado agosto, cando se alcanzaron os 307,8 euros/MWh de media. Así mesmo, o día co prezo medio da luz máis caro fa serie histórica no Estado español foi o pasado 8 de marzo, con 544,98 euros/MWh.

O Executivo estatal esgrimiu varios posíbeis motivos polo alto prezo da luz ao longo de 2022. Desta forma, en agosto o prezo do gas natural alcanzou niveis máximos debido principalmente ao recorte de subministración por parte da compañía gasista rusa Gazprom a Estados como Alemaña, unha situación que desde a Unión Europea (UE) foi vista como unha ferramenta de presión para que a UE deixase de aplicar sancións ao Estado ruso, así como tamén para que eliminase o seu apoio financeiro e armamentístico a Ucraína.

A iso uníronse outros factores, como a seca que tivo lugar o pasado verán e a falta de vento, polo que a produción das principais fontes de enerxía renovábel ficaron reducidas.

A luz marca hoxe o seu prezo máis baixo do ano

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista caerá este sábado até os 1,82 euros/MWh, o que supón un descenso de 66,7% respecto ao custo da xornada anterior e o rexistro máis baixo desde o 31 de xaneiro de 2021, cando  o custo eléctrico se situou nunha media de 1,42 euros/MWh.

As cotas hipotecarias incrementáronse durante o ano 2022

Após máis de seis meses en negativo, en abril deste ano, o Euríbor, índice de referencia para a maioría das hipotecas na Galiza, volveu a niveis positivos. O 15 de xuño rexistrou o primeiro valor por encima de 1%, e xa en agosto, a súa media consolidouse nese limiar por primeira vez desde xullo de 2012. En setembro, o Euríbor situouse en 2% na súa media anual, a máis elevada desde 2009, e hai dez días, superaba por primeira vez desde decembro de 2008 a taxa diaria de 3%, taxa que sobrepasará o valor medio de decembro.

Nestas circunstancias, unha persoa cunha hipoteca variábel a 30 anos de 150.000 euros e cun diferencial de 0,99% máis Euríbor sufriría un aumento da cota hipotecaria de 267 euros, é dicir, pasaría de pagar 447 euros ao mes para abonar 715 euros a partir da revisión, o que equivale a un incremento de case 3.200 euros ao ano.

2023 comezará con novos incrementos nos prezos

O ano 2023 arrincará con subas nos prezos das tarifas das principais compañías de telecomunicacións, os selos, as peaxes nas autoestradas e no sector dos automóbiles. 

Ademais, as tarifas reguladas do gas tamén se incrementarán co novo ano. En concreto, a Tarifa de Último Recurso (TUR) subirá 8,67% con respecto ao valor vixente até o mes de outubro.

As tarifas das autoestradas estatais de peaxe, como a AP-9 e a AP-53, subirán 4%. O Executivo estatal terá que compensar ás empresas privadas que as xestionan ao terse concretado anteriormente unha suba maior.

Por outra parte, os selos de Correos para enviar tarxetas postais normalizadas e de até vinte gramos de peso a destinos en territorio estatal pasarán a custar 0,78 euros, o que representa unha suba de 4% respecto aos 0,75 euros que se pagaron durante en 2022.

Encarecemento dos coches e da telefonía

Os principais operadores de telecomunicacións tamén incrementarán os seus prezos a partir de xaneiro, debido aos custos "crecentes" da prestación do servizo. Movistar subirá as cotas 6,8% de media, mentres que Vodafone farao en 6,5%, cunha suba de catro euros nas súas tarifas. 

As tensións na cadea de subministración e os custos enerxéticos, loxísticos e das materias primas seguirán tendo "impacto" no sector do automóbil en 2023 e, "aínda que haxa certa mellora", a incerteza seguirá ocupando un "papel preponderante" nos prezos dos automóbiles. 

Así, no que se refire aos prezos dos coches para 2023, prevese que, "aínda que de forma algo máis moderada, continuarán a súa tendencia á alza", segundo sinalaron fontes do sector.

O custo das importacións galegas encareceuse o dobre que o das exportacións

Os prezos das exportacións galegas aumentaron 10,77% en outubro, en comparación co mesmo mes do ano 2021, mentres que o custo das importacións disparouse case 20% (19,97%), segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, o prezo das exportacións de bens de consumo subiu 10,99%, mentres que os bens intermedios fixeron o propio 8,55%, os bens de capital 14,96% e os non enerxéticos 10,96%.

Pola súa parte, as importacións de bens de consumo custaron 24,95% máis, mentres que as de bens intermedios, 19,31% máis. Con todo, os bens de capital reduciron o seu custo 1,47%, mentres que os bens non enerxéticos aumentaron o seu valor 13,94%.

Comentarios