O BCE quere mudar os billetes de euro: estes son os posíbeis temas para os deseños

O BCE levará a cabo unha enquisa entre os cidadáns europeos, que poderán expresar a súa opinión a través da web do banco central sobre os temas propostos para a próxima serie de billetes en euros, entre o 10 de xullo e o próximo 31 de agosto.
Christine Lagarde durante a cerimonia de sinatura do billete de 20 euros (Foto: BCE).
photo_camera Christine Lagarde durante a cerimonia de sinatura do billete de 20 euros. (Foto: BCE)

O Banco Central Europeo (BCE) levará a cabo unha consulta pública para que a cidadanía europea poida expresar as súas preferencias sobre os temas preseleccionados para o deseño dos novos billetes de euro, respecto do que a institución espera adoptar unha decisión antes de finais de 2024 e en canto ao deseño definitivo en 2026.

Deste modo, o BCE levará a cabo unha enquisa entre os cidadáns europeos, que poderán expresar a súa opinión a través da web do banco central sobre os temas propostos para a próxima serie de billetes en euros, entre o 10 de xullo e até o próximo 31 de agosto. Ademais, para asegurar que as opinións de toda a zona do euro estean representadas de forma equitativa, o BCE contratou unha empresa de estudos de opinión independente para facer as mesmas preguntas da enquisa a unha mostra representativa de persoas da zona do euro.

O BCE utilizará os resultados das enquisas para seleccionar o tema da próxima xeración de billetes antes do final de 2024. Posteriormente celebrarase un concurso de deseño e os cidadáns europeos terán unha vez máis a oportunidade de expresar as súas preferencias sobre as opcións de deseño seleccionadas. Espérase que o BCE adopte unha decisión sobre o deseño futuro e sobre o inicio da produción e a emisión dos novos billetes en 2026.

Posíbeis temas

A preselección do Consello de Goberno inclúe sete posíbeis temas para o deseño dos novos billetes de euro. En concreto trátase de 'Aves: libres, resilientes e evocadoras'; 'O futuro é teu'; 'A cultura europea'; 'Mans: xuntos construímos Europa'; 'A nosa Europa, nós'; 'Ríos: as augas da vida en Europa' e 'Valores europeos reflectidos na natureza'.

A lista de temas preseleccionados ten en conta as suxestións formuladas por un grupo consultivo multidisciplinar, composto por membros de todos os países da zona do euro. Corresponde ao BCE e aos bancos centrais nacionais da zona do euro garantir que os billetes en euros sigan sendo un medio de pago innovador, seguro e eficiente, destacou a entidade, explicando que o desenvolvemento de novas series de billetes é unha práctica habitual de todos os bancos centrais.

"Nun mundo en que as tecnoloxías de reprodución evolucionan con rapidez e no que os falsificadores poden acceder con facilidade á información e aos materiais, é necesario emitir novos billetes periodicamente", apuntou, engadindo que, ademais das consideracións de seguridade, o BCE ten o compromiso de "reducir o impacto ambiental dos billetes en euros ao longo do seu ciclo de vida, e de facer que sexan máis representativos e inclusivos para os europeos de todas as idades e procedencias, incluídos os grupos vulnerábeis, como as persoas con discapacidade visual".

"Existe un estreito vínculo entre a nosa moeda única e a nosa identidade común europea e a nosa nova serie de billetes debe destacalo. Queremos que os europeos se identifiquen co deseño dos billetes en euros, polo que terán un papel activo na selección do novo tema", sinalou a presidenta do BCE, Christine Lagarde.

Do seu lado, Fabio Panetta, membro do Comité Executivo, destacou que a institución está a traballar nunha nova serie de billetes de alta tecnoloxía para impedir a falsificación e reducir o impacto ambiental. "Temos o compromiso de manter a dispoñibilidade e a aceptación do efectivo e de asegurar que pagar con diñeiro de banco central sexa sempre unha opción", indicou.

Comentarios