O Banco Central Europeo encarece o acceso ao financiamento

A suba dos tipos de xuro de medio punto dificultará obter préstamos e hipotecas.
O BCE, entidade liderada por Christine Lagarde, explicou onte as chaves da súa política monetaria. (Foto: Daniel Roland / AFP Pool / dpa)
photo_camera O BCE, entidade liderada por Christine Lagarde, explicou onte as chaves da súa política monetaria. (Foto: Daniel Roland / AFP Pool / dpa)

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu esta quinta feira elevar os tipos de xuro en medio punto, de forma que o tipo de xuro para as súas operacións de financiamento situarase en 0,50%, mentres que a taxa de depósito alcanzará 0% e a de facilidade de préstamo 0,75%.

O BCE decidiu así un incremento no prezo do diñeiro maior do que adiantara nas últimas semanas, cando varios membros do Comité Executivo indicaron que o incremento sería un cuarto de punto. Trátase tamén da primeira suba de tipos de xuros desde xullo de 2011.

Consecuencias para o acceso ao financiamento

A suba de tipos vaise facer notar na facilidade de acceso ás hipotecas, unhas complicacións nos condicións ao financiamento bancario que xa levan notando familias e empresas no último ano a razón dos anuncios que o BCE vén facendo ao respecto e que se veñen de confirmar. 

O crédito ao consumo é outra das cuestións que se verán afectadas, xa que o financiamento a través dos bancos encarecerase, algo que previsibelmente suporá un freo ao consumo e consecuentemente un freo á economía que está a provocar previsións de recesión na zona euro.

Pola contra, todo fai prever que o aumento dos tipos de xuro terá unha parte positiva, o incremento do valor dos aforros, así, aquelas persoas que teñan depósitos ou outro tipo de fondos de investimento verán incrementada a súa rendibilidade.

O BCE afirmou que a "normalización" da política monetaria continuará, aínda que non indicou durante canto tempo seguirán subindo os tipos de xuro.

Mecanismo contra a fragmentación

O mecanismo contra a fragmentación, denominado oficialmente como Instrumento para a Protección da Transmisión (TPI), tamén foi anunciado esta quinta feira polo BCE.

A intención do TPI é que a estratexia monetaria do BCE se aplique por igual en todos os Estados da zona euro e así, contrarrestar dinámicas dos mercados que sexan desordenadas e ameacen á transmisión cohesionada da política monetaria.

Comentarios