Análise

Baixo investimento e saída de aforro

Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
A baixa taxa de investimento e a saída crecente de aforro son dous fenómenos relacionados que caracterizan a economía galega. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A baixa taxa de investimento e a saída crecente de aforro son dous fenómenos relacionados que caracterizan a economía galega. (Ilustración: Álex Rozados)

Neste artigo queremos chamar a atención sobre tres feitos que se constatan na dinámica da economía galega na última década: a baixa taxa de investimento, o equilibrio da balanza comercial e a saída de aforro. Trátase de tres feitos relacionados e que, como tentaremos argumentar, son relevantes para o presente e sobre todo para o futuro.

Baixa taxa de investimento

Desde a perspectiva da demanda, o dinamismo dunha economía depende de tres compoñentes: consumo, investimento e demanda neta do exterior (diferenza entre os bens e servizos que vendemos e os que compramos a outros países). Dos tres compoñentes, o investimento xoga un papel decisivo polo seu duplo rol: a curto prazo a produción dos bens de capital tira da demanda e, ao tempo, a incorporación deses bens aos diferentes sectores e empresas contribúe a reforzar a capacidade produtiva a medio e longo prazo.

Pois ben, os datos para Galiza mostran unha evolución preocupante nos últimos 15 anos. A taxa de investimento (a súa porcentaxe sobre o PIB), que chegara a superar o 30% en 2006-2007, reduciuse á metade durante a crise iniciada en 2008 até limitarse ao 15,7% en 2013. Despois, esta taxa case non se recuperou nos anos de crecemento económico de 2014 a 2019. E o impacto da crise da Covid-19 fixo que baixase de novo, até situarse en 2021 no 15,4%.

Na última década a economía galega mantén unha baixa taxa de investimento, inferior á media española e da Unión Europea

En suma, na última década a economía galega vén mantendo unha baixa taxa de investimento, inferior á media española e da Unión Europea. Este dato di moitas cousas: debilidade da iniciativa privada, limitada confianza do empresariado nas políticas aplicadas e no futuro do País, ausencia dun impulso do investimento público. Con esas taxas de investimento dificilmente Galiza pode afrontar os retos que sempre se mencionan: reindustrialización, innovación, dixitalización, transición ecolóxica...

Equilibrio da balanza comercial e saída de aforro

A caída da taxa de investimento orixinou unha importante mudanza nas nosas relacións económicas externas. Durante a fase de expansión económica, 1995-2007, Galiza rexistraba un elevado déficit comercial (comprabamos ao resto do Estado e nos mercados internacionais máis do que vendiamos). O déficit chegou a superar o 10% do PIB. Isto non significa que "vivísemos por encima das nosas posibilidades": ese déficit comercial era financiado pola entrada de transferencias correntes ás familias e de transferencias de capital (fondos do Estado e da UE). De tal modo que a balanza financeira (entrada e saída de aforro) estaba aproximadamente en equilibrio.

A contracción da demanda interna a partir da crise de 2008-2013, debida sobre todo á caída dos investimentos, fixo que o saldo comercial mudara de forma substancial. Así, desde 2014-2015 Galiza ven rexistrando de forma continua un equilibrio e mesmo un superávit na balanza de bens de servizos (vendemos fóra tanto ou máis do que compramos). Isto en principio é algo positivo, porque mostra a capacidade da nosa economía para competir nos mercados externos.

Pero ten unha implicación nada positiva: dado que seguimos rexistrando unha entrada neta de transferencias correntes e de capital (ao redor do 5% do PIB), como o conxunto da balanza de pagamentos está por definición en equilibrio, dedúcese que a economía galega está sufrindo unha saída neta de aforro todos os anos próxima ao 5% do PIB. Esta saída de aforro cabe pensar que se está producindo principalmente a través dos intermediarios financeiros: depósitos galegos que financian investimentos noutros territorios (no resto do Estado ou fóra de España). Un fenómeno que non é novo pero que se acentuou na última década, o que non pode desligarse das mudanzas no sistema financeiro.

O que acabamos de expoñer, que se deduce das cifras macroeconómicas, aparece corroborado polos datos do Banco de España sobre depósitos e créditos nas entidades financeiras. En 2021 os depósitos bancarios ascendían en Galiza a uns 71.700 millóns de euros, mentres que os créditos limitábanse a 46.700 millóns. Polo tanto, o aforro canalizado por esta vía para financiar investimentos noutros territorios alcanzaba uns 25.000 millóns; un stock de aforro expulsado que equivalía ao 40% do PIB (o que produce anualmente a nosa economía). O saldo negativo créditos – depósitos mostra ademais un forte crecemento nos últimos anos, tendo pasado de 10.000 millóns en 2014 a 25.000 en 2021, un aumento duns 2.000 millóns anuais.

En definitiva, a baixa taxa de investimento e a saída crecente de aforro son dous fenómenos relacionados que caracterizan a economía galega na última década. O debate sobre as medidas para reverter esta situación pode ser complexo, mais o diagnóstico non admite dúbidas.

Comentarios