Baixarán os tipos de xuro no verán? A inflación da zona euro fecha o ano en 2,9%

O BCE supedita baixar os tipos de xuro en verán á evolución dos datos da inflación.
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Tarmo Lehtosalo vía Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde. (Foto: Tarmo Lehtosalo vía Europa Press)

A inflación interanual da zona euro acelerouse en decembro até 2,9% desde a taxa de 2,4% do mes anterior, o que supón a súa lectura máis alta desde o pasado mes de outubro, segundo confirmou esta cuarta feira a oficina comunitaria de estatística, Eurostat. Pola súa parte, para o conxunto da Unión Europea (UE), a inflación interanual rexistrou unha repunta no último mes de 2023, até 3,4% desde a taxa de 3,1% rexistrada en novembro.

A suba dos prezos na zona euro obedeceu principalmente á menor caída no custo da enerxía, que baixou 6,7% interanual fronte á baixada de 11,5% experimentada en novembro. Así mesmo, o encarecemento dos alimentos non procesados en decembro acelerouse a 6,8% interanual desde a suba de 6,3% do mes anterior. No caso dos servizos, os prezos repetiron en decembro a suba de 4% interanual, á vez que os bens industriais non enerxéticos encarecéronse 2,5%, catro décimas porcentuais menos que na contabilización do mes anterior.

Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa interanual de inflación no último mes de 2023 foi de 4%, fronte á taxa de 4,3% de novembro, mentres que ao deixar fóra tamén o impacto do prezo dos alimentos non elaborados, a taxa subxacente de inflación moderouse até 3,4% desde o índice de 3,6% previo.

A evolución da inflación na zona euro ten unha influencia decisiva sobre a posibilidade dunha eventual baixada do prezo do diñeiro. A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, apuntou esta cuarta feira que, en ausencia de cambios significativos nos datos, resulta probábel que o Consello de Gobierno da entidade alcance o consenso necesario para baixar os tipos de xuro no verán.

"Eu diría que tamén é probábel", recoñeceu Lagarde nunha entrevista con Bloomberg TV ao ser cuestionada sobre as expectativas que apuntan a un primeiro recorte do prezo do diñeiro na eurozona este verán, aínda que a francesa subliñou a necesidade de ser prudente respecto diso, xa que o BCE depende dos datos.

Neste sentido, a presidenta da institución advertiu de que aínda hai un nivel de incerteza ao redor da situación "e algúns indicadores que non están ancorados no nivel no que nos gustaría velos", como sucede coa inflación nos servizos, principal sector da economía da UE. 

Así mesmo, Lagarde resaltou a importancia de seguir a evolución dos salarios na zona euro, polo que deixou para finais da primavera, cando se coñezan os resultados das negociacións colectivas en curso, a posibilidade de facer predicións ao respecto.

Comentarios