Baixa a creación de empresas na Galiza

Os datos de outubro facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) apuntan un aumento dos concursos e disolucións.
Peche empresas Galiza
photo_camera Un candado simboliza o feche dun negocio na Galiza. (Foto: Nós Diario)

Este mes de outubro rematou coa creación de 265 empresas na Galiza, o que supón 14 menos que en setembro e 29 menos que no mesmo mes do ano anterior, segundo os datos publicados esta mesma cuarta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). O máis sinalado deste informe está no aumento das disolucións de compañías e os concursos neste mesmo período temporal. 

Alén diso, o capital medio subscrito polas sociedades creadas en outubro foi de 27.515,11 euros.

As comarcas da Coruña (cun 42,64%) e as de Pontevedra (39,62%) lideran a constitución de empresas como é habitual nos informes de meses anteriores. A máis distancia están as de Lugo (un 9,81%) e Ourense (un 7,92%). 

Case todas as novas compañías (262) decidiron adoptar a forma de Sociedade Limitada (SL), mentres que tan só houbo tres en todo o país que se constituíron noutro tipo. Un 26,8% correspóndense coa rama do comercio, seguida pola hostalaría (un 11,3%). 

Por outro lado, nas empresas constituídas a presenza do sexo masculino segue sendo maioritaria (un 72% de membros). Mentres, un 70,6% das constituídas está formada por un único socio. Ademais, un total de 79 sociedades ampliaron capital social por un total de máis de 15 millóns de euros. 

Aumentan as disolucións e os feches

Pola súa banda, en outubro de 2021 disolvéronse na Galiza 117 empresas, o que supón 37 máis que en setembro, así como 34 máis que no décimo mes de 2020.

Ao mesmo tempo, 26 compañías reduciron capital, producíronse sete procedementos de fusión de sociedades e un de escisión.

Por último, un total de 35 sociedades fecharon o mes afectadas por concurso de acredores, son 16 máis que hai un ano e 27 máis que o pasado mes de setembro.

Comentarios