As axencias de viaxes perderán 90% da súa facturación pola Covid-19

As novas restricións á mobilidade complican aínda máis o futuro das axencias de viaxe na Galiza, que viron como nestes oito meses de pandemia a súa facturación caeu por riba de 90%. Unha de cada catro optou por fechar e agardar á vindeira primavera. Outras terán que loitar se queren chegar vivas a maio.
Unha muller pasa por diante dunha axencia de viaxes (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
photo_camera Unha muller pasa por diante dunha axencia de viaxes (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

A hostalaría é un dos negocios máis afectados polas medidas de restrición da mobilidade, mais non o único. Se hai un sector que dependa do movemento de persoas dun lugar a outro ese é o do turismo, e as axencias de viaxe son as encargadas de poder facer realidade eses desprazamentos. 

Mais a Covid-19 está a provocar que 2020 sexa un ano para esquecer. Juan Antonio Rivadulla, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxe (Agavi) recoñece a Nós Diario que a situación "foi complicada xa desde o principio". O contexto de partida era moi diferente á do resto de sectores. "Non foi só parar de vender, senón que tivemos que desfacer todo o que estaba feito, que era moito". 

Segundo relata, en decembro de 2019 e os primeiros meses de 2020 estaban a vender xa paquetes para o verán e no sector estaban moi sorprendidos pola cantidade de traballo que había, "posibelmente cifras que non se rexistraban desde había 15 anos", apunta Rivadulla.

Devolucións pendentes

Mais chegou a Covid-19 e as axencias estampáronse "contra un muro de aceiro". "Tivemos que empezar a cancelar todo, devolver os cartos, repatriar xente e a comer un montón de problemas que non eran exactamente nosos", indica o presidente de Agavi.

Desde a Federación Empresarial de Asociacións Territoriais de Axencias de Viaxes Españolas (Fetave) alertan que o problema dos reembolsos se está recruando coa nova vaga de contaxios.

Por iso solicitan ao Goberno español que, a través dos avais do ICO, cubra 100% do valor dos bonos para ofrecer, como alternativa ao reembolso efectivo, ás viaxeiras e asistentes a espectáculos afectados por cancelacións co obxecto de garantir a plena protección de todos eles.

Mais este non é o único problema das axencias, ás que as liñas aéreas deben aínda máis de 300 millóns de euros das devolucións. Ao igual que outros negocios a pé de rúa, o feito de non facturar apenas desde o mes de marzo fai que gastos como os alugueiros, o persoal, ou as facturas coas administracións poñan a súa viabilidade en cuestión. 

Fechadas até primavera

Segundo Juan Antonio Rivadulla, na Galiza 25% das axencias de viaxe están fechadas desde marzo. Outras sobreviven cun horario reducido ou con servizo telefónico grazas ao turismo de proximidade. Pero a baixada da facturación é "brutal e insostíbel", xa que as que permanecen abertas non facturan máis de 10% do que adoitaban a facer.

É o caso de Viaxes Loa, en Redondela. O seu titular, Luís Otero, afirma que esa porcentaxe hai meses que nin supera 5%, pero o que máis lle preocupa son as débedas. "A bóla con Facenda vaise facendo máis grande, e non perdoan". O risco está en que, se nun futuro saen liñas de axudas específicas para o sector, o feito de non estar ao corrente de pagamento coas Administracións pode deixar fóra das mesmas moitos negocios. "Deben artellar algún mecanismo para que non se teñan en conta á hora de acceder e despois as pagues, claro", suxire Otero, que bota en falta o apoio da Xunta e dos concellos no que se refire á supresión de taxas e impostos.

Respecto ao negocio, recoñece que a situación "empeza a ser perigosa". Sabe de colegas que xa decidiron baixar a reixa para nunca máis abrir as súas axencias. Tamén dos que se fusionan para tentar manterse a flote até que volvan abrir na primavera.

Pola porta entran poucas persoas. Afirma que a xente "ten un medo terríbel a viaxar" e que o seu día a día se centra na loita con maioristas e liñas aéreas para a devolución dos cartos. Os bonos que dan en compensación das reservas anuladas vencen o vindeiro 30 de xuño. "A xente está nerviosa e nós estamos aquí de parapetos para levar rifas. A clientela ve que para primavera isto non se arranxa e xorde o nerviosismo", xa que temen non recuperar o diñeiro.

"A xente está nerviosa e nós estamos aquí de parapetos para levar rifas", afirma Otero

Respecto aos meses que veñen por diante, Luís Otero non é moi optimista. Dá por perdida a campaña de Nadal e mesmo a Semana Santa polo "medo atroz" a moverse. "En maio, se a cousa pinta ben, empezarían as consultas para as reservas de cara a verán e setembro. O importante é non perder eses meses", afirma.

As novas restricións á mobilidade tampouco axudan. O fechamento das cidades galegas impide a unha boa parte da poboación desfrutar de destinos próximos e paquetes como o Outono Gastronómico ou o turismo termal. 

Con todo, Otero recoñece que a repercusión dos bonos da Xunta nas axencias é "moi pequena", xa que moitos estabelecementos fan desconto adicional se o xestionan directamente con eles, co que as axencias quedan fóra.

Comentarios