sábado 15/08/20

O sector turístico galego non prevé ocupacións por riba de 50% este verán

Galiza comeza a recibir visitantes doutros territorios, mais a ocupación hoteleira aínda presenta cifras moi modestas. O medo ao contacto con outras persoas leva as e aos turistas a fuxir dos hoteis e a apostar por alternativas como os cámpings ou as vivendas vacacionais.
Balneario OCA Augas Santas (OCA Hotels)
Balneario OCA Augas Santas (OCA Hotels)

O pasado 1 de xullo era a data que levaban agardando centos de estabelecementos hostaleiros na Galiza con ansia. A reapertura da fronteira con Portugal e a recuperación das liñas regulares nos tres aeroportos marcaban o inicio da campaña turística da nova normalidade no país. 

Mais os comezos son custosos, como demostran as cifras. En Pontevedra aínda hai estabelecementos que permanecen fechados e a ocupación media rolda o 35%, cando a finais de xuño, xa fóra do estado de alarma, andaba arredor de 20%. "É unha situación nova. Partimos de cero, con cero reservas e non nos atrevemos a facer predicións", di César Ballesteros, presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra. 

"Temos un mes de xullo atípico, pero agardamos que en agosto as diferenzas con respecto a outros anos, aínda que serán considerábeis, se vaian reducindo", apunta Ballesteros, para quen un aumento das temperaturas no interior do territorio español "pode acelerar o incremento das reservas de xente de Madrid". 

O que si que teñen constatado nestas últimas semanas é a preferencia polas vivendas únicas, nas que as reservas medran "a moi bo ritmo", e os estabelecementos con piscina. Isto responde a que a xente foxe dos espazos comúns. "É máis fácil alugar unha casa rural de 4 habitacións que unha de 15", exemplifica o presidente dos hostaleiros pontevedreses.

Paseniño nos albergues

Belén Mendaña rexenta o albergue A Nave da Ferreira en Lugo. Como recoñece a Nós Diario, a demanda é aínda "moi baixa, con poucas reservas". Ela recibe nas súas instalacións unha media de seis usuarias, cando o normal por estas datas era ter unhas 20 persoas aloxadas.

O seu albergue, situado no Camiño Primitivo, acolleu xa visitantes de Andalucía, Madrid, Asturias, e tamén cidadanía estoniana e rusa. "Eles séntense como na casa, o que está moi ben, pero non poden facer o uso que viñan facendo até o de agora. Non é lóxico nestes tempos". 

Refírese Belén á "sensación" de que as súas hóspedes "non están 100% concienciadas". "A xente segue a pousar as mochilas en camas nas que non van durmir ou quitan a máscara tan pronto entran pola porta", sinala. 

Son moitos os albergues que permanecen fechados, e os que abren non poden superar 35% da súa capacidade. No caso da Nave da Ferreira son 30 camas as que teñen dispoñíbeis. "Moitos tivemos que subir os prezos. Tiñamos habitacións de sete e de tres prazas, mais coa limitación de capacidade a de sete pasa a ter o prezo da de tres, e así con todo", relata Medaña.

Dependencia do Camiño

Ramón Braña, director xeral da cadea galega OCA Hotels, recoñece o forte impacto da Covid-19 no sector. "Vivimos un momento complicado, cando as previsións para este ano 2020 eran moi boas, a crise da Covid-19 fixo caer o negocio, con segmentos especialmente afectados como o Camiño de Santiago, ou o sector de negocios, tanto para eventos e congresos, como nas viaxes e pernoctacións empresariais nos hoteis urbanos". 

As reservas son 100% de clientela nacional. "Aínda que volvan abrir as fronteiras a demanda do cliente internacional é moi baixa", indica Braña. "O perfil é turista español e galego, nunha clara aposta polo apoio sector turístico propio". "Os galegos están sendo moi receptivos con toda esta situación, viaxan e quedan pola Galiza. Aínda así hai que ter en conta que as condicións económicas e laborais derivadas deste golpe producido polo coronavirus mudaron para moitas persoas, e a porcentaxe de usuarias e usuarios, por tanto, diminúe", engade o responsábel de Oca. 

Programa de termalismo

Oca Hotels conta con 27 estabelecementos na Galiza, varios deles  enfocados ao termalismo. Neste senso, o director xeral da cadea sinala que o termalismo social "é fundamental" para varios balnearios da Galiza. "A día 6 de xullo descoñecemos se se vai poder recuperar a programación e, en caso afirmativo, en que condicións", lamenta Braña.

Xullo e agosto son os meses nos que se concentra a tempada estival, e dos que dependen boa parte dos ingresos do sector. No caso da restauración, tamén son meses importantes. Desde a Federación de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, Ballesteros recoñece que coa chegada dos primeiros veraneantes "moitos deles empezan a activarse, pero as facturacións son aínda baixas". En canto a hostalaría, cre que os negocios situados en paseos ou con terrazas non van ter problemas. "Outra cousa é que che toque a lotaría e teñas un brote preto".

comentarios