Aumentan até o 9,5% os fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes

En só un trimestre pasaron de ser menos do 7% a máis do 9,5%. Os fogares que recoñecen que lles costa completar o mes suman o 60% do total. 

señora compra familias fogares

Un de cada dez fogares galegos recoñecen chegar con moita dificultade a final de mes e case 5 de cada dez, con dificultade. Son os datos do IGE que se fixeron públicos esta terza feira e que indican que a crise non marchou de Galiza: 6 de cada 10 fogares teñen dificultades para acabar o mes. Unha cifra similar á que reflectían os informes do IGE nos anos máis duros da crise.

O 9,52% das familias galegas recoñecen no segundo trimestre que teñen “moitas dificultades” para chegar a fin de mes. Son dous puntos e medio máis que os que facían esta mesma afirmación no primeiro trimestre (6,96%). Se facemos a comparación interanual, ese incremento tamén é notábel: pasouse do 7,48% do II T de 2015 a este 9,5. Houbo un lixeiro descenso dos que recoñecen que para completar o mes teñen “dificultades”, que son agora o 46% fronte ao 47% do primeiro trimestre. Mais seguen a ser case a metade dos fogares galegos.

Sen extras

Case dous de cada dez fogares galegos afirma que non se permitiu ningún extra (gastos de vacacións e viaxes, compras a maiores das habituais...) nos últimos tres meses. E un 14% diminuiu os gastos comúns, como roupa e calzado, así como transporte. A isto engádese que o 13,25% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, comprando marcas brancas ou produtos de oferta.

Comentarios