mércores 21/10/20

Estas son as chaves da lei do teletraballo

O Goberno español aproba a norma que rexirá este tipo de traballo non presencial. O control da xornada e o vínculo laboral, principais incertezas que denuncian sindicatos como a CIG. 
O teletraballo implica facer a xornada laboral fóra do posto presencial a maior parte das veces na vivenda habitual (Eduardo Parra / Europa Press)
O teletraballo implica facer a xornada laboral fóra do posto presencial a maior parte das veces na vivenda habitual (Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español aprobou esta terza feira a lei para a regulación do teletraballo co visto e prace da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) mais os sindicatos CCOO e UXT. Coincidiu no tempo co acordo específico para o funcionariado que foi rexeitado polas organizacións sindicais CIG e LAB. O texto aprobado  servirá de referencia legal para os acordos que se realicen en todas as Administracións e tamén nas empresas privadas.  

A nova Lei recolle a voluntariedade do teletraballo, tanto para a empresa como para o persoal traballador, e indica que requirirá a sinatura dun acordo por escrito. Aplicarase cando esta situación supere 30% da xornada nun período de referencia de tres meses. No acordo sinálase que as empresas deberán "dotar das ferramentas, medios, equipo e materiais funxíbeis" necesarios para desenvolver o traballo a distancia, como as computadoras. Sobre o resto de gastos, trataranse a través da negociación colectiva. As empresas que xa tiñan acordos sobre teletraballo terán un ano para adaptarse á nova normativa. Para o resto, o prazo é de até tres anos. 

Preocupación na CIG

Desde a CIG aseguran que este acordo chega dunha maneira "antidemocrática" ao levarse ao diálogo social sen ter en conta organismos de consulta como o Consello Económico e Social. "Non é a maneira de aprobar unha lei", asegura a Nós Diario Francisco González Sío, secretario confederal de negociación colectiva da central nacionalista. Segundo este sindicalista, a norma  "deixa unha porta aberta a que dunha forma unilateral se aposte polo teletraballo" e como consecuencia a persoa traballadora "quedará fóra do que é o seu centro de traballo e poderá contratarse de forma directa sen ter ese vínculo primeiro".

Outra das precupacións da CIG é o control laboral. "Non sabemos como se fará o rexistro de xornada, tal e como está aprobado dará pé a unha fraude nas horas traballadas e un aumento da explotación laboral", sinala González Sío que lembra que a lei "centra todo nos acordos nas empresas e nós entendemos que se ten que lexislar dunha maneira clara para eliminar a precariedade".

Un dos temas máis delicados, clarificar que se considera teletraballo, tamén é obxecto de crítica da central nacionalista. "Non sabemos como se considerarán as xornadas menores a dous días", explica este sindicalista. 

A negociación pasa aos concellos e á Xunta

Emilio Doforno, coordinador do sector da Administración pública de CCOO, recoñece que lles gustaría que a lei fose mellor, mais a negociación chega onde chega". Indica que agora chegou o momento de aplicala. "Marca a apertura das mesas na Xunta e nos concellos", relata a Nós Diario, "nós mandaremos un escrito a Función Pública para que convoque unha reunión para articular a negociación que corresponda en base a este acordo e recollendo a norma que temos de 2013", engade.

Satisfacción na patronal

O empresariado galego amosouse satisfeito coa lei. Para a patronal, o tempo investido até alcanzar o acordo resultou “sumamente proveitoso", xa que "se conseguiu que o teletraballo implantado estes meses de maneira excepcional con motivo da Covid-19 pase a aplicarse como normativa laboral ordinaria", sinalan nun comunicado.

Cren importante que se considerase este tipo de traballo cando a xornada sexa de 30% "e non de 20% como se pedía" así como que a empresa poida adoptar "as medidas que estime máis idóneas de vixilancia para verificar o cumprimento todas as súas obrigas e deberes laborais".

comentarios