Até 90% das persoas aínda recibe chamadas comerciais a pesar da normativa

A normativa sobre chamadas comerciais entrou en vigor hai tres meses.
Un centro de atención de chamadas, nunha imaxe de arquivo (Foto: CIG).
photo_camera Un centro de atención de chamadas, nunha imaxe de arquivo (Foto: CIG).

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) denunciou esta quinta feira que, tres meses despois da entrada en vigor da Lei Xeral de Telecomunicacións, 90% das persoas usuarias segue recibindo chamadas comerciais non solicitadas, unha práctica prohibida na mencionada norma.

Segundo unha enquisa realizada pola organización, nove de cada dez usuarias asegurou ter recibido no último mes polo menos unha chamada deste tipo.

Os datos do estudo tamén revelan que a frecuencia destas chamadas é "moi elevada", dado que 23% das enquisadas recibiron "10 ou máis chamadas durante os últimos 30 días".

"Unha de cada cinco chamadas incumpre directamente a normativa, xa que o teleoperador non identifica a empresa para a que traballa. O resto proveñen na súa gran maioría (72%) de compañías coas que o consumidor non ten contratado ningún tipo de servizo", sinalou a OCU.

Oposición expresa

Con todo, matizou que "non implica necesariamente que sexan chamadas ilegais" dado que a normativa permite a cesión de datos de clientes entre compañías cando a usuaria non se opoña expresamente a iso.

"O caso é que para o consumidor é difícil, por non dicir imposíbel, coñecer o alcance destes acordos e saber se a chamada é denunciábel ante a Axencia Española de Protección de Datos", valorou a organización.

Por este motivo, a OCU demandou que a axencia active as súas tarefas de control e vixilancia e que, en caso de ser necesario, impoña "sancións exemplares" ante a "inobservancia reiterada" das normas de comunicacións.

Comentarios