Fronte a 80 de Zaragoza, 26 de Málaga, 20 de Madrid e 6 de Barcelona

O ERE de Extel afecta finalmente 107 traballadoras e traballadores da Coruña, 98 menos que no plano inicial

A dirección da compañía de telemarketing comunicó ao comité de empresa as novas cifras do ERE. Afecta a menos persoal e as baixas vanse tramitar como voluntarias, o que mellora as condicións dos despedimentos. A sección sindical da CIG entende que non existe causa obxectiva para despedir ninguén.

Extel ERe
photo_camera Extel ERe

As intensas mobilizacións do cadro de persoal de Extel na Coruña deron os seus froitos e os cortes previstos no ERE diminúen. No plano inicial, a empresa pretendía amortizar 205 postos de traballo no call center galego, o 58 por cento dos despedimentos. A cifra final -comunicada esta sexta feira ao comité de empresa- será de 107 traballadoras e traballadores, o 44,7 por cento das baixas.

Con todo, A Coruña continúa a ser a plataforma da empresa máis atinxida polo ERE. Precédena no ranking Zaragoza, 80 despedimentos; Málaga, 26; Madrid, 20 e Barcelona, 6.

As mobilizacións serviron tamén para que a empresa aceite tramitar as baixas como voluntarias. Isto supón que os despedimentos se substanciarán como improcedentes, con 33 días de salario por ano traballado e un tope de 12 mensualidades, cando no plano inicial as condicións eran só de 20 días por cada 12 meses de servizo na empresa.

Ao aceitar que as baixas se materialicen como voluntarias, a sección sindical da CIG entende que a empresa admite implicitamente que non existen razóns obxectivas para declarar un ERE. 

Para a central nacionalista, non está xustificado nen un só despedimento e para ilustrar esta afirmación alegan que só no mes de xullo na plataforma da Coruña deixáronse de atender un total de 250 mil chamadas, cando na proposta de redución de servizos de Extel figuraba un máximo de 148 mil.

A representación do cadro de persoal rexeita os despedimentos e chama a continuar as mobilizacións. 

O temor da parte social é que, unha vez consumado o ERE, a empresa recorra a ETTs para cobrir con emprego precario as baixas voluntarias e dar servizo así ás miles de chamadas telefónicas que se están deixando de atender.

Comentarios