Contra o ERE en Extel: esta sexta feira, chamadas masivas ao 1004 pedindo atención en galego

As seccións sindicais da teleoperadora na Coruña e A Mesa Pola Normalización Lingüística acordan accións conxuntas na defensa do emprego e do idioma. Desde accións nas redes sociais a mocións nos concellos.

Extel A Mesa

Esta sexta feira, 14 de outubro, de 10 a 11 da mañá e de 5 a 6 da tarde, coincidindo coa greve convocada en Extel, facer chamadas masivas ao 1004 solicitando atención en galego. Esta é unha das accións acordadas pola Mesa pola Normalización Lingüística e as seccións sindicais da CIG, CGT, UGT e CCOO na teleoperadora para desenvolver nos seguintes días. A finalidade é clara, defender a atención no idioma propio de Galiza para que así as grandes empresas de telemarketing se vexan impedidas a deslocalizar os seus centros no noso país.

Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2040 postos de traballo neste sector

Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza, esta deslocalización acompañada de despedimentos agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais. Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2040 postos de traballo, que se manterían en Galiza de existir opción de galego ao ser o persoal de Galiza o mellor cualificado para ofrecelo.

Extel, empresa dedicada a atender o servizo 1004 de información ao cliente de Movistar, propón un ERE que contempla o despedimento de 205 traballadores da Coruña, o 58% dos despedimentos que prevé facer en todo o Estado español. Para os sindicatos este paso enmárcase na aposta na deslocalización, desmantelando o centro de Galiza e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas.

Accións

Ademais de presionar a Movistar con chamadas esta sexta feira ao 1004 pedindo atención en galego, A Mesa e os representantes do cadro de persoal acordaron outras accións. Así, esa mesma secta feira na mesma franxa horaria (10 a 11 da maña e 5 a 6 da tarde) realizarase unha acción nas redes socias facendo uso dos hashtag #NonAoEreEnExtel #QueremosGalego, etiquetando co HT #1004Responde e @movistar_es.

Ademais, tamén decidiron pedirlle a todos os concellos galegos que aproben mocións onde lle soliciten a Movistar atención en galego e a súa disposición de se mudaren a compañías que si dean esta opción.


 

Comentarios