Arrincan as mobilizacións contra os 105 despedimentos que Gas Natural Fenosa proxecta na Coruña

Após a absorción, Unión Fenosa Comercial pechará o seu centro de atención telefónica que dá servizo ao resto do Estado para o transladar a Catalunya. O comité de empresa advirte de que se van para fóra todos os servizos de asistencia telefónica que emprestan serán 311 @s traballador@s que quedarán sen emprego

photo_camera [Imaxe: SG]


O cadro de persoal da empresa Teleperformance inicia esta terza feira un calendario de protestos en contra da supresión do servizo de atención ao cliente que Unión Fenosa Comercial prestaba desde a Galiza a todo o Estado e que ten subcontratado coa citada empresa de telemarketing, con sede no polígono industrial da Grela (A Coruña) até o vindeiro 1 de xuño. Após ser absorbida por Gas Natural, esta pretende extinguir Unión Fenosa Comercial e transladar a súa actividade a outra filial do grupo con sede en Catalunya, medida que se traducirá no despedimento de 105 traballador@s.

O grupo enerxético dá emprego a outras 206 persoas que asomen a asistencia telefónica a clientes coa tarifa de último recurso (TUR) por avarías e xestión das redes de distribución. É Gas Natural, por tanto, quen reparte emprego indirecto tamén á outra metade do cadro de persoal de Teleperformance, polo que o comité de empresa teme que a extinción desta filial sexa o primeiro paso dun translado total a Catalunya. 

"As empresas punteiras e máis representativas da Galiza desaparecen ou deslocalízanse, os nosos recursos naturais xeran beneficios fóra e agora levan tamén os nosos postos de traballo, creados naquelas empresas colaboradoras que medraron parellas á vella Unión Fenosa", quéixanse desde o comité de empresa. Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperformance, presta servizos de telemarketing a varias firmas de telecomunicacións, electricidade, banca e seguros desde o seu centro na Coruña.

Malia lle ter transladado ao cadro de persoal a súa satisfacción co labor desempeñado, Teleperformance "segue sen aclarar medidas concretas deixando patente a súa desconsideración cara á nós", continúa o comité de empresa, que conta co apoio dos tres grupos municipais da oposición no Concello da Coruña. Nomeadamente, PSdG e BNG presentaron senllos rogos no último pleno, realizado esta segunda feira, para exixir que se manteñan os 105 postos de traballo na cidade.

Comentarios