Armadores galegos afirman que a prohibición dos descartes será o finiquito de 2/3 da frota de altura

Asociacións de armadores, como a da Coruña, instan ao goberno español a levar a prohibición dos descartes ao Tribunal Europeo. Afirman que esta medida suporá a ruína para a flota galega no Gran Sol.
Peixes

A Comisión europea aprobou a prohibición, se ben dun xeito paulatino, dos descartes de peixe na pesca (capturas non desexadas de peixes que após mortos son botados o mar). Unha decisión que, aplaudida por ambientalistas, non deixa de xerar moita inquedanza no sector do mar que traballa en altura e gran altura. Os armadores sinalan que na pesca de especies como a pescada, peixe sapo ou rapante, ao non poder facer descarte das que non lles interesan, van atinxir a cota asignada en menos tempo. E deberán descargar en porto canto antes e con maior celeridade por mor da conservación a bordo de especeis como o xurelo ou o lirio.

Consideran que a prohibición dos descartes mesmo viola o tratado de adhesión do Estado español á CEE

Ante este escenario, desde asociacións como a Asociación Provincial de Armadores de Buques de Pesca de A Coruña (Arpesco) xa se pediu ao goberno español que denuncie a decisión ante o Tribunal Europeo. As razóns? Por entender que a prohibición dos descartes viola o tratado de adhesión e porque vai supoñer a ruína para flotas como a do Gran Sol.

Perda de 2.000 empregos

Jesús Etchevers, presidente de Arpesco, afirmou mesmo que a decisión de Bruxelas suporía que 200 dos 300 buques pesqueiros afectados terán que abandonar a actividade. O que implicaría a perda de 2.000 postos de traballo, entre os de mar e os de terra.

Etchevers, ao que se ten definido como "un ex-combatente do Gran Sol", ten denunciado en máis dunha ocasión que España sacrificou a pesca e flota galega na negociación de entrada na Unión Europea.

En 1981 no Gran Sol había 460 barcos. Ao entrar na CEE esa cifra recortouse a 300. Actualmente, a cifra rolda os 130.

O Consello de Pesca da UE atinxiu hai uns días un pacto sobre as medidas contra os descartes, consistentes nun calendario segundo a especie, a partir de 2014, no que se imporán aos mariñeiros desembarcos obrigatorios de todas as capturas.

Comentarios