Defensa da Ría sostén que o Consello Consultivo "non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional"

A Asociación pola Defensa da Ría considera que o informe do Consello Consultivo da Galiza a favor de adscribir Ence ao Porto de Marín "non cambia nada".
A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra.

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) insiste no seu rexeitamento a que Ence continúe en Lourizán (Pontevedra), xa que considera que o informe do Consello Consultivo da Galiza a favor de adscribir a pasteira ao Porto de Marín "non cambia nada".

A través dun comunicado asinado polo seu presidente, Antón Masa, a APDR lamenta non coñecer "na súa integridade" este documento do Consultivo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, levou na pasada quinta feira a unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira.

o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, xa constatou a "inviabilidade xurídica" de que os terreos de Lourizán se adscriban ao porto e a pasteira se sitúe no seu emprazamento actual.

Neste contexto, a asociación recalca que o informe "non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional" que anulan a prórroga da concesión concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018. Ademais, Masa recalca que o documento "non vincula a ninguén e moito menos ao Ministerio de Transición Ecolóxica".

Nesa reunión, tal e como anunciou Feixoo ao remataren, a ministra comprometeuse a que a pasteira quede na Galiza, malia que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, xa constatou a "inviabilidade xurídica" de que os terreos de Lourizán se adscriban ao porto e a pasteira se sitúe no seu emprazamento actual.

"Contrariamente ao que nos quere vender o presidente Feixoo, o único avance da situación non supón un cambio de actitude por parte do Ministerio e moito menos un triunfo das posicións da Xunta", sinala a APDR.

De feito, o presidente da asociación asegura que foi o Goberno galego o que fixo un "cambio de posición" porque "admite agora un posible traslado fóra de Lourizán, volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012".

Así a todo, a APDR está convencida de que as sentenzas que anulan a prórroga da concesión "se farán firmes" e o tempo de Ence na súa actual localización "terá chegado ao seu fin, abríndose unha xanela de esperanza a un futuro para a ría".

PP de Pontevedra

Por outra banda, o presidente do PP local en Pontevedra, Rafa Domínguez, considera que o informe do Consello Consultivo demostra que adscribir Ence ao porto "ten encaixe legal".

"Vimos traballando para que centos de familias non perdan os seus recursos e para que a cidade de Pontevedra non perda a maior empresa da nosa contorna", dixo este sábado Domínguez, destacando o labor da Xunta e do seu presidente.

Para o líder do PP na cidade, "non ten sentido que siga habendo administracións que se opoñan ao emprego e a que miles de familias" da Galiza "vexan o seu futuro perigar por un posicionamento político ideolóxico".

"Agora temos a solución política, pero nos falta a decisión política. Non existe agora impedimento para que a empresa siga onde está, non hai obriga de mandar a 400 familias ao paro, non hai que seguir falando de demolición", subliñou o popular, quen insistiu en que "se Ence non segue onde está é por culpa do PSOE e do BNG".

Comentarios