Alú Ibérica, en concurso de acredores

A Audiencia Nacional xustifica a medida polo "insostíbel" da situación das plantas.
Traballadores de Alu Ibérica nunha concentración para pedir actuar sobre a factoría. (Foto: Comité de Empresa).
photo_camera Traballadores de Alu Ibérica nunha concentración para pedir actuar sobre a factoría. Imaxe de arquivo (Foto: Comité de Empresa).

A Audiencia nacional autoriza o concurso de acredores para as plantas de  Alu Ibérica (antiga Alcoa) da Coruña e Avilés. Por mor da situación de insolvencia das factorías xestionadas primeiro polo fondo suízo Parter e despois polo Grupo Riesgo, o administrador xudicial foi o encargado de solicitar a medida. 

A Audiencia considera que  o concurso é “a única vía adecuada para protección do patrimonio, así como dos dereitos dos traballadores e do resto de acredores”.

A necesidade do concurso xa fora apuntada a principios de verán polos interventores xudiciais, e posteriormente polo propio administrador xudicial, Ramón Juega, que, con máis poder para rastrexar as contas e documentación, só puido atopar algo de diñeiro que lle permitiu o abono das nóminas de dous meses e pouco máis.

O administrador fala de “insolvencia galopante”, unha situación que considera que demostran feitos como a venda dos dereitos de CO2 ou a do material depositado por clientes.

Segundo sinalou a Audiencia, esta medida advírtese como "a única vía adecuada para protección do patrimonio, así como dos dereitos de traballadores e resto de acredores das mesmas

Segundo sinalou o xuíz, esta medida advírtese como "a única vía adecuada para protección do patrimonio, así como dos dereitos de traballadores e resto de acredores das mesmas, coa seguridade xurídica que proporciona o procedemento concursal e baixo a tutela do Xuíz do concurso".

O pasado xullo, a instrutora quitou aos representantes legais destas mercantís e designou un administrador xudicial para que en prazo de dous meses emitise "informe sobre a situación respecto da solvencia financeira real das sociedades".

Á vista do informe presentado, requiríuse ao administrador xudicial para que emitise un novo texto formulando posíbeis propostas de actuación que, "ante a crítica situación económica-financeira" que describía, permitisen "a mellor salvagarda dos dereitos dos traballadores, acredores e calquera outro prexudicado polos feitos investigados, así como o aseguramiento do patrimonio das sociedades".

Ministra

A ministra de Industria, Reyes Maroto, mantivo a finais da pasada semana unha xuntanza coas representantes do comité de empresa da planta de Alu Ibérica en Avilés, coincidindo cunha visita a Asturias.

No transcurso da mesma, ambas as partes emprazáronse a unha nova reunión dentro dun mes na que abordarán a posíbel chegada de investidores que garantan o futuro da factoría. Isto acontecía mentres o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, aproveitaba un acto en Madrid para pedir ao Goberno español que "escoite á cidadanía" da Mariña, que esta semana saíu ás rúas para, entre outras cousas, denunciar a situación de empresas como Alcoa e Alu Ibérica, e "reaccione". A política do Goberno galego segue a ser a de esperar que a solución aos problemas industriais do país, sobre os que ten competencia, veña de Madrid. 

Comentarios