luns 25/10/21

O administrador xudicial de Alu Ibérica estuda presentar un ERTE pola dificultade para pagar ao persoal

O presidente do comité de Alu Ibérica na Coruña insta as Administracións a tomar decisións para retomar a actividade na planta, xa que, do contrario, o ERTE sería "un disfrace" para un ERE.
Protesta dos traballadores de Alu Ibérica ás portas da factoría (Foto: Comité de empresa de Alu Ibérica).
Imaxe de arquivo dunha protesta dos traballadores de Alu Ibérica ás portas da factoría. (Foto: Comité de empresa)

O Comité de Empresa de Alu Ibérica na Coruña vén de comunicar que o administrador xudicial que se ocupa nestes momentos do proceso de intervención das plantas da Coruña e Avilés -por unha orde da Audiencia Nacional- está a estudar a posibilidade de presentar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ante a falta de liquidez para asumir as cargas salariais.

A representación das e dos operarios mantivo hoxe un encontro coa Administración Xudicial e o avogado que xestiona a parte xurídico-laboral, Miguel Taboada, na que se lle puxo sobre a mesa "un escenario moi grave".

"Non atoparon liquidez nas contas que estiveron revisando, máis aló dos pagos que estiveron a realizar da paga extraordinaria de xullo e o mes de agosto", afirman fontes do comité nun pequeno comunicado de prensa.

En consecuencia, e tan só uns días despois de que se decidira a paralización total da actividade da industria situada no polígono de A Grela (A Coruña), o interventor temporal -polo menos de seis meses da compañía- "avanzou que non ve posibilidade de realizar o pago da nómina do mes de setembro co que hai" nas contas bancarias.

Así, segundo avanzan, a Xustiza estaría estudando "presentar un ERTE nunha ou dúas semanas para non seguir incrementando a débeda da empresa e garantir así ingresos aos traballadores".

Despois de ser nomeado a finais de xullo, o xestor xudicial tiña o encargo de facer un informe sobre a situación financeira real nun máximo de dous meses. Cabe destacar que no proceso previo de investigación por parte da Audiencia Nacional e cando se anunciou a primeira intervención, as responsábeis de Alu Ibérica (do Grupo Riesgo) garantían que tiñan actuado con total transparencia e que non era preciso actuar desde fóra.

Non queren un disfrace

Para o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, o ERTE sería unha resposta "lóxica" á "critica" situación na factoría de aluminio. Porén, insistiu na intervención da planta por parte das Administracións. 

Neste senso, López Corbacho instou os responsábeis políticos a "tomar decisións". "Se non se fai nada, é un disfrace, é un ERE", dixo o responsábel sindical, que incidiu na necesidade de "activar" a planta e retomar a actividade, para o que é preciso que as Administracións se poñan "a traballar". "

Hai que activar a planta e facer un plan de futuro", recalcou. "Temos todas as promesas do mundo, pero tamén incumprimentos, non só de Risco,  Parter e Alcoa", apostilou en alusión ás Administracións.

comentarios