Altri adía un ano máis a súa decisión de instalarse na Galiza

A pasteira pide axudas de 250 millóns para crear menos de 200 empregos.

O director executivo de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta).
photo_camera O director executivo de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta).

Altri volveu adiar un ano máis a súa decisión de instalarse na Galiza. Malia que a dirección da compañía anunciou o pasado mes de outubro que faría pública a súa resolución definitiva antes de finalizar 2023, a pasteira portuguesa continúa sen explicar os seus plans. Os atrasos da compañía non fan máis que xerar dúbidas sobre un proxecto que carece de encaixe dentro da estrutura dos fondos Next Generation.

A comezos de outubro do pasado ano, Altri confirmou a súa decisión de adoptar antes do remate de 2023 unha posición definitiva sobre o seu proxecto de emprazar na Galiza unha fábrica de viscosa. A posta en marcha da factoría, proxectada no concello ulloán de Palas de Rei, foi avanzada en novembro de 2020 polo entón presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, que a situou como iniciativa de referencia a desenvolver no país a conta dos fondos Next Generation. Neste sentido, formulouno como unha iniciativa estratéxica, chamada a xogar un papel tractor na economía galega.

A mudanza nas previsións de Altri non é a primeira. Se nun comezo a compañía lusa avanzou a súa intención de fechar a decisión antes de finais de 2022, posteriormente fixou esta data para o primeiro semestre de 2023, someténdoa, posteriormente, a un novo atraso.

A este respecto, as fontes da Consellaría de Economía e Industria consultadas por Nós Diario responsabilizan destes cambios o Goberno do Estado por negarse a satisfacer as demandas de financiamento formuladas polo grupo portugués. Nesta liña, lembran que Altri condicionou a súa instalación na Galiza á recepción de axudas públicas por unha contía de 250 millóns de euros, aproximadamente 30% do investimento previsto na súa factoría galega.

As dúbidas sobre Altri

Os continuos atrasos no proxecto, cuxa entrada en funcionamento o conselleiro delegado do grupo, José Soares de Pina, fixou para finais de 2024 ou comezos de 2025, non fan máis que incrementar as dúbidas sobre unha iniciativa que desde o primeiro momento non resultou críbel para unha boa parte da industria forestal e dos expertos.

Nesta dirección, a Xunta da Galiza coñecía desde comezos de 2022 que a proposta de Altri non tiña encaixe en ningún dos Perte presentados polo Estado, reclamando o Goberno galego desde maio dese ano  unha vía de financiamento extraordinario para a factoría. Así, non só incumpriría as orientacións fixadas pola Comisión Europea para as propostas financiadas a cargo dos Next Generation senón a propia normativa ambiental comunitaria e, moi particularmente, a vixente en materia de augas.

A proposta empresarial formulada por Altri fica moi lonxe de responder ao carácter tractor anunciado pola Xunta da Galiza.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María do Carme García Negro sinala que “as contas máis próximas á realidade non casan coas cifras astronómicas do número futuro de empregos: falouse de 1.000, logo, 1.500, e xa van na feira polos 2.500. Poden seguir poxando ilusións, mais Altri, que en Portugal produce máis de un millón de toneladas, emprega 774 persoas”. A este respecto, conclúe que “aquí, nun proxecto axustado de 200.000 toneladas empregará inicialmente moito menos de 200 persoas”.

Comentarios