Altri incumpre os criterios do programa Next Generation

A fábrica de viscosa non ten encaixe nas liñas de axudas comunitarias.
O vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, reclamou onte un trato especial para Altri. (Foto: Europa Press)
photo_camera O vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, reclamou esta cuarta feira un trato especial para Altri. (Foto: Europa Press)

As posibilidades de que a fábrica de viscosa de Altri en Palas de Rei saia adiante redúcense. Se na terza feira era a ministra de Asuntos Económicos do Goberno do Estado, Nadia Calviño, quen sinalaba que a proposta non cumpría cos criterios europeos, esta cuarta feira o vicepresidente económico da Xunta da Galiza, Francisco Conde, recoñecía que non ten encaixe en ningún dos Perte existentes, polo que demandou do Executivo estatal unha excepción.

Altri condicionou desde o primeiro momento o seu emprazamento na Galiza á recepción de axudas públicas. Neste sentido, ligou o desenvolvemento do proxecto a unha achega económica que cubrise arredor de 30% do investimento e que a compañía cifrou en perto de 250 millóns de euros. A maiores, a compañía non foi quen de sumar socios locais, agás Greenalia, parceiro histórico da empresa no negocio do eucalipto e da pasta de papel.

A ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, confirmou na terza feira o que era un segredo a voces. A vicepresidenta económica do Goberno do Estado asegurou que o proxecto de Altri non cumpre cos criterios da Comisión Europea (CE) para recibir axudas públicas procedentes do programa Next Generation. Nesta dirección, excluíu a pasteira da solicitude de fondos comunitarios remitida nesta semana á CE, polo que a deixa fóra das liñas de financiamento extraordinario comunitario.

A decisión do Executivo español é coherente con todo o manifestado con anterioridade. Desde hai un ano, o Goberno español instou a promotora do proxecto a reformular a súa iniciativa para Palas de Rei ou, no caso contrario, á súa presentación a 17 ordes de axuda correspondentes con outros tantos Perte formulados desde o Executivo. En todo caso, ningunha das solucións garantía os 250 millóns de euros de diñeiro público que a empresa portuguesa requiría para instalarse na Galiza.

As responsabilidades

A Xunta da Galiza coñecía desde comezos de 2022 que a proposta de Altri non tiña encaixe en ningún dos Perte presentados polo Estado. Nesta orientación, vén demandando desde maio de 2022 unha vía de financiamento extraordinario para este proxecto impulsado desde o Goberno galego. Precisamente, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, volveu insistir onte nesa dirección e reclamou ao Executivo español “un trato xusto” para este proxecto.

A factoría de viscosa de Altri non só incumpriría as orientacións fixadas pola Comisión Europea para as propostas financiadas a cargo dos fondos Next Generation, senón a propia normativa ambiental comunitaria e, moi particularmente a vixente en materia de augas. A este respecto, Conde explicou que “é un criterio técnico que se ten que cumprir desde o punto de vista ambiental e desde o punto de vista dos requirimentos técnicos”.

O Executivo galego responsabiliza o Estado da falla de financiamento para o proxecto e elude a súa responsabilidade no fracaso da iniciativa económica principal de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda. Neste sentido, Conde afirmou que “estamos a esperar a que realmente o Goberno, que ten 100% dos fondos europeos en materia de política industrial, poida dar unha resposta a Altri”.

Comentarios