O comité de Alcoa pide unha reunión urxente sobre a tramitación dos parques eólicos para a planta

A tramitación de cinco destes parques eólicos pende dun fío.
Pancarta colocada por traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pancarta colocada por traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)

O comité de empresa de Alcoa solicitou esta quinta feira unha reunión "urxente" co Executivo estatal, así como coa Xunta da Galiza, para aclarar o estado de tramitación dos parques eólicos para a planta de San Cibrao, en Cervo, na comarca da Mariña.

A conselleira de Industria, María Jesús Lourenzá, alertou esta cuarta feira no pleno do Parlamento da Galiza da parálise que están a sufrir cinco dos parques eólicos —Monzón, Borrasca, Ventisca, Boura e Levante, todos de Greenalia— destinados a abastecer a industria electrointensiva, e que, malia disporen xa da declaración de impacto ambiental (DIA), terían caducado o permiso de construción.

Porén, o comité asegurou que, "de momento", non contan con "ningún documento que acredite" que non se vaian a levar a cabo eses cinco parques. Neste sentido, o delegado do Goberno estatal, Pedro Branco, avogou por "traballar xuntos para sacar adiante os proxectos que garantan a enerxía a prezo competitivo para Alcoa". "Ao longo deste proceso apareceron dificultades que fomos salvando, neste caso teño a confianza de que faremos o mesmo", sinalou ao respecto.

Comentarios