VÍDEO

Agricultores franceses bloquean unha comisaría con quilos de esterco: "Non houbo danos materiais; si un persistente cheiro"

Outro grupo de manifestantes reuniuse en Castelculier diante dun supermercado da cadea Leclerc para bloquear os accesos con pneumáticos, terra e lonas sobre as que posteriormente verteron até 17.000 litros de xurro.
Ataque con esterco a unha comisaría francesa. (Vídeo: @CerveauxNon / Twitter)
photo_camera Ataque con esterco a unha comisaría francesa. (Vídeo: @CerveauxNon / Twitter)

Continúa a vaga de protestas do sector agrícola en Francia. As medidas anunciadas a pasada semana polo Executivo francés para tratar de desactivar as mobilizacións foron consideradas insuficientes polos sindicatos, que iniciaron esta segunda feira o asedio de París ao fechar os accesos á capital francesa para premer o Goberno.

As protestas das organizacións labregas en Francia, que xa se estenderon até Bruxelas, conseguiron que o Goberno de Emmanuel Macron tivera que comprometerse a pagar antes do 15 de marzo as axudas da PAC, impulsar un plan de control da trazabilidade dos produtos, reforzar as axudas fiscais ao sector, prometer negociar coa UE o referente ás terras en barbeito, elevar a 80 millóns de euros o fondo de emerxencia para persoas viticultoras de rexións en crise ou lanzar unha exención fiscal ao combustíbel de uso agrícola após tratar de subirlle os impostos.

O Ministerio de Interior informou de que esta quinta feira había máis de 100 puntos de bloqueo e perto de 10.000 manifestantes nas estradas francesas, incluídos nas autoestradas que rodean París, a capital, e 18 persoas foron detidas por “obstrución do tráfico” nas proximidades do mercado de produtos frescos de Rungis, perto de París.

O caos apoderouse de localidades de todo o país, en especial na prefectura de Creuse, onde varios agricultores esparexeron varios quilos de xurro e esterco en diferentes prazas e edificios públicos, entre eles a Comisaría de Policía de Guéret, a capital do distrito. Segundo apunta o xornal Valeurs, "sobre a fachada da Comisaría proxectouse unha capa de esterco de aproximadamente un metro de espesor" que deixou un "persistente cheiro", mais non se rexistraron danos materiais.

Aliás, outro grupo de manifestantes reuniuse en Castelculier diante dun supermercado da cadea Leclerc para bloquear os accesos con pneumáticos, terra e lonas sobre as que posteriormente, apunta Huffington Post France, verteron até 17.000 litros de xurro por riba da fachada e a porta principal, que finalmente cederon.

Comentarios