A tractorada continuará até a quinta feira en Ourense após reunirse gandeiros co subdelegado do Goberno

Prevén levantar a protesta con motivo do entroido a fin de semana.

Produtores e gandeiros, esta curta feira, en Ourense. (Foto: Rosa Veiga)
photo_camera Produtores e gandeiros, esta curta feira, en Ourense. (Foto: Rosa Veiga)

Unha representación dos gandeiros que levan a cabo unha tractorada en Ourense desde a pasada terza feira foi recibida na mañá desta cuarta polo subdelegado do Goberno español na Galiza, Emilio González, a quen lle expuxeron a súa reivindicación. Á saída do encontro, estes produtores comunicaron que prevén continuar cos seus vehículos agrarios aparcados no centro da cidade até as 11.30 horas desta quinta feira, pois despois contan con volver ás súas casas para poder celebrar "o Entroido" durante a fin de semana.

A pasada terza feira, unha caravana dun cento de tractores desprazouse desde distintos puntos da circunscrición de Ourense até a capital para protestar contra as políticas europeas que afectan o sector primario. Esta cuarta feira, os gandeiros continuaron coa súa reivindicacións e foron recibidos polo subdelegado do Goberno español. Aínda así, adiantaron que os tractores continuarán na cidade até a mañá da quinta feira.

Ante a Subdelegación do Goberno español permanecerán algúns dos tractores e outros volverán ser colocados esta mesma noite para amencer alí na cuarta, cando prevén realizar un parón na súa reivindicacións por mor do Entroido.

"Na sexta feira hai que preparar os animais e a fin de semana é para gozar coas familias porque son os días importantes do rural ourensán e todas queren gozar cos seus fillos", manifestou o portavoz das protestas do sector en Ourense, Miguel Gómez, quen explica que "hai que deixar as producións gandeiras en orde".

Reunión

Os tractores mobilizáronse desde os concellos de Xinzo de Limia, Maceda, Montederramo (Terra de Caldelas) e Castro Caldelas. A terza feira, tras reunirse no polígono de San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense), continuaron a súa protesta até a Subdelegación do Goberno español, onde exixiron ser recibidos polo subdelegado, Emilio González, que non os recibiu mesa xornada, polo que agricultores e gandeiros terminaron pegando o seu manifesto nas portas do edificio.

Esta cuarta feira acudiron de novo á Subdelegación do Goberno español en Ourense, onde ao redor das 11 horas, representantes dos agricultores e gandeiros que protagonizan a tractorada subiron a reunirse co subdelegado. Tras dúas horas de reunión volveron saír para comunicar que o representante do Executivo español trasladará as súas reivindicacións ao Goberno estatal.

"Queremos entender que o Goberno estatal entregaraas a Bruxelas, que é onde fan esas leis sen consultar con ningún gandeiro ou agricultor e estannos afogando", esgrimiu o portavoz das protestas do sector en Ourense, Miguel Gómez, un dos gandeiros desprazados desde Maceda, que insistiu en lembrar que: "Aquí non viñemos por ningún partido político, nin con ningún sindicato, senón porque estamos en contra das políticas europeas que nos afogan". "Alguén nos ten que representar en Bruxelas", dixo.

Na mesma liña pediu que a representación de agricultores e gandeiros sexa recibida polo seu representante no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), un organismo dependente da Xunta da Galiza, ou polo menos que as súas demandas sexan recollidas e remitidas á sede de Santiago de Compostela.

Reivindicacións

Gómez lembrou as peticións que realizan. Demandan "uns prezos xustos", que baixen o combustíbel e a nova PAC, así como "flexibilidade" nos contidos e a implantación do caderno dixital, teniendo en cuenta que aumenta a súa carga de traballo burocrático. 

Especialmente poñen o foco nos ecoesquemas de pastoreo e sega, que insisten que "é necesario que se adapten"ao territorio galego. "Non é normal que coa climatoloxía da Galiza nos impoñan ecoesquema de sega para empezar antes do 30 de xuño ou en setembro, cando o mellor tempo para un corte de calidade con azucres e vitaminas para os nosos animais, para que os alimentos teñan calidade, é en xullo e a primeiros de agosto. En setembro segas xa palla, porque a terra absorbeu os nutrientes", reivindicou.

Tras queixarse das trabas burocráticas e os requisitos ambientais, fixo fincapé en que: "Nós non somos os que contaminamos a atmosfera nin os chans, somos os que levantamos o país, tanto interior como exteriormente. Só pedimos que tomen medidas adecuadas ao noso sector". "Nacín gandeiro e morrerei gandeiro. Se non nolo permiten, loitaremos", exclamou o portavoz da protesta que recibiu a ovación dos participantes.

Así pois, agricultores e gandeiros decidiron manter a súa presenza na cidade un día máis, aínda que retirando parte dos tractores cara a zonas industriais porque o subdelegado pediulles "retirar algúns que molestan". "E como el colabora, colaboramos nós". Todo iso sen afectar a circulación do tráfico.

Comentarios