Afectad@s das preferentes toman o concello de Sanxenxo

Arredor de 80 persoas afectadas pola fraude das preferentes péchanse no concello de Sanxenxo para exixiren "que nos devolvan o diñeiro". Arestora son tres os concellos tomados polas persoas afectadas ademais da folga de fame que se desenvolve en ferrolterra.

A plataforma de afectad@s polas participacións subordinadas e preferentes do Salnés, vén de se pechar esta quinta feira no pleno do concello de Sanxenxo para exixir "á alcaldesa da vila, Catalina González Bea, xunto coas demais alcaldías da comarca e a deputación que nós defenda e poña fin a este asunto", asegurou en declaracións a Sermos Galiza, José Manuel, unha das persoas afectadas.

O goberno español exixe unha quita do 50% e a devolución do capital restante en forma de accións 

Malia que a policía lles tentou impedir a entrada, finalmente as oitenta persoas que integran a plataforma do Salnés conseguiron entrar no consistorio e que González Bea deixe as súas vacacións para se reunir coas persoas estafadas a primeira hora desta tarde. "A alcaldesa amosou o seu apoio á nosa causa", aseverou José Manuel quen amosa a súa rabia en cada palabra.

As últimas novas publicadas arredor da proposta presentada polo goberno español, que obrigará @s afectad@s a aceptaren unha quita do 50% do diñeiro e devolverá en forma de accións o restante capital, esperta a tensión entre as persoas defraudadas. "Nós non somos investidores, somos aforradores", sentencia José Manuel, "polo que non queremos oír falar de quitas".

Aliás, as palabras pronunciadas polo presidente da Xunta de Galiza quen demandou un tratamento diferenciado para os investidores afectados á fin de que non perdesen o seu diñeiro, xerou un profundo malestar entre @s membros das plataformas cidadás. "Xa que o presidente pide apoio para os investidores, para nós non vai haber un tratamento especial?", preguntábase ás portas do concello de Sanxenxo José Manuel.

A partir de agora, a plataforma do Salnés iniciará unha primeira serie de quendas para manter o peche no consistorio e asegura "non marcharemos até que nos devolvan os cartos".

Comentarios