Acelérase a caída das exportacións no mes de setembro: a Galiza acumula catro meses en descenso

A maior baixada de setembro experimentárona as exportacións de combustíbeis (-44,4%)
Barco de transporte de vehículos saíndo da terminal Ro-Ro de Bouzas, en Vigo. (Foto N. B.)
photo_camera Barco de transporte de vehículos saíndo da terminal Ro-Ro de Bouzas, en Vigo. (Foto: N. B.)

A Galiza exportou bens por 2.494.910 millóns de euros, un 13,5% menos que no mesmo mes de 2022, segundo os datos de comercio exterior publicados nesta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Desta maneira, a Galiza acumula catro meses consecutivos de baixada das exportacións –xuño, xullo, agosto e setembro–. De feito, en setembro acelérase o retroceso en oito puntos respecto á baixada de 5% que computaba en agosto. Ademais, o 13,5% de diminución é máis acusado que o 10,4% de descenso na media do Estado español. 

A maior baixada de setembro experimentárona os combustíbeis (-44,4%). Igualmente, os principais sectores en peso nas exportacións galegas sofren un descenso: vehículos (-3,8 puntos) e prendas de vestir (-3 puntos). 

As exportacións entran en terreo negativo

No acumulado do que vai de ano 2023, entre xaneiro e setembro –último mes do que se dispoñen series de datos completas–, as exportacións xa entran en terreo negativo (-0,4%), unha situación que contrasta cos datos positivos que encadeaba nos últimos meses. Así, contrasta co aumento de 0,3% que se produce no Estado español nese período. 

No período de xaneiro a setembro, os produtos que inflúen máis negativamente no comportamento das exportacións son os combustíbeis e aceites minerais (-5,7 puntos). Pola contra, as influencias máis positivas corresponden ás exportacións de vehículos automóbiles e tractores (5,7 puntos).

Mentres, as importacións derrubáronse, tamén, en setembro un 29,4%, cuns 1.800 millóns de euros, case o dobre de redución que na media do Estado (16,2%). 
Os produtos cunha influencia máis negativa nas importacións galegas de setembro foron os vehículos, que cun peso do 10,9% sobre o total e unha taxa de variación do -58,3% repercuten 10,8 puntos.

No que vai de ano, os vehículos (-10 puntos) e os combustíbeis (-8,2 puntos) son os de maior repercusión negativa. 

Así, a balanza comercial (a diferenza entre exportacións e importacións) é positiva en máis de 695 millóns (un 138,6% de cobertura): isto é, a Galiza ingresa máis diñeiro por exportación do que gasta en importacións.

Comentarios