As exportacións polos portos galegos de interese xeral caen 13% con respecto ao ano pasado

Os portos de Vigo e Vilagarcía melloran as súas cifras

Terminal de carga de contedores do porto de Vigo (Foto: Porto de Vigo).
photo_camera Terminal de carga de contedores do porto de Vigo. (Foto: Porto de Vigo)

As cinco autoridades portuarias de interese xeral da Galiza (Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Marín-Ría de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa) exportaron entre xaneiro e maio 13% menos que nos cinco primeiros meses do ano 2022.

En concreto son unhas 436.000 toneladas menos de mercadoría embarcada nas cinco grandes dársenas do país, segundo o último informe publicado por Portos do Estado español.

A caída, que representa máis do dobre da que experimentan as 28 autoridades portuarias españolas (5,5%), é, con todo, desigual.

Mentres que a dúas que máis moven (A Coruña e Ferrol-San Cibrao) superan as 480.000 toneladas (300.000 delas o porto herculino) de perda en relación con 2022 e Marín-Ría de Pontevedra apenas cae en 23.000, Vigo e Vilagarcía melloran as súas cifras.

A primeira, de feito, exporta máis (case 759.000 toneladas) das que importa (algo máis de 700.000) e a arousá rexistrou 19% máis nas súas operacións de carga.

A pesar de que se trata dun descenso moi pronunciado, a evolución da mercadoría embarcada nas cinco grandes radas galegas é máis favorábel que a das importacións, onde se pasou dos 8,3 millóns de toneladas entre xaneiro e maio de 2022 aos 6,8, é dicir, 17,5% menos. Esta porcentaxe supón o triplo do descenso no conxunto dos portos de España (5,6%).

Comentarios