As empresas galegas duplicaron en tres anos as súas relacións comerciais con Israel

A balanza comercial (importacións e exportacións) da Galiza con Israel pasou dos 86,35 millóns de euros en 2019 aos 178,84 millóns en 2022. E só entre xaneiro e agosto do presente ano xa se superaron os datos de todo 2020.
Panorámica de Gaza desde a cidade israelí de Sderot. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera Panorámica de Gaza desde a cidade israelí de Sderot. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)

A balanza comercial da Galiza con Israel pasou dos 86,35 millóns de euros de 2019, o ano previo ao estoupido da pandemia de coronavirus, a 178,84 millóns en 2022, de acordo cos últimos datos da entidade pública empresarial Icex. En 2023, de xaneiro a agosto —último mes dispoñíbel—, o saldo ascende a 102,14 millóns de euros, superando así a cifra de todo 2020 —89,06 millóns— e aproxímase á de todo 2021 —116,48 millóns—. O informe dá conta tamén de exportacións por valor de 115,3 millóns nos oito primeiros meses do presente exercicio. As importacións, pola súa parte, supuxeron 13,16 millóns.

Por circunscricións, as vendas a Israel concéntranse na de Pontevedra, á que corresponden exportacións por un valor de 104,3 millóns de euros de xaneiro a agosto. Séguena A Coruña, con 9,97 millóns; Ourense, con 576.000 euros, e Lugo, cuns 416.000 euros.

En canto aos sectores, 99,12 millóns de euros dos exportados entre xaneiro e agosto polo país son do ámbito da automoción, lonxe dos 3,82 millóns que representan as vendas de confección feminina, o seguinte nunha listaxe no que figuran fibras, zumes e extractos (1,66 millóns) e semimanufacturas de madeira (1,18 millóns), entre outros con menor peso.

Desde Ceaga, o clúster de automoción e mobilidade galego, aseguran carecer de información sobre se o conflito está a afectar xa ás relacións comerciais con Israel. Onde non se está notando "ningún efecto de momento" é no sector da biotecnoloxía galega, que destaca dentro do tecido empresarial do noso país non por volume de exportación, pero si polo seu interese no apartado da I+D+i.

Segundo traslada en declaracións á axencia Europa Press Julio Martínez, xestor de proxectos de Bioga, o clúster tecnolóxico empresarial das ciencias da vida, o ecosistema galego "non percibe efectos a curto prazo" e é "un pouco asincrónico" neste sentido. Tampouco detecta o impacto por agora polo feito de relacionarse con máis e distintos ecosistemas do mundo, segundo destaca. Israel é "dos máis prometedores" a nivel internacional, di Martínez, que asume que a guerra en Gaza "pode chegar a afectar a longo prazo", debido a que "haberá que ter máis coidado coas relacións", pero espera que "poida seguir sendo un referente".

De feito, "máis aló dos efectos xenéricos de incremento dos combustíbeis e pórtelos", Bioga confía en que o intercambio de tecnoloxía e software prosiga, así como a colaboración con universidades "no curto prazo". "A ciencia séguese impulsando", constata. Pola súa parte, Israel "está a realizar investimentos en empresas de fóra e non se sabe como vai afectar" o conflito, traslada Julio Martínez.

Nótase xa o impacto da guerra?

É "moi cedo para sabelo" tamén desde o punto de vista do economista José Francisco Armesto, que forma parte do think tank Foro Económico da Galiza e traballa no Consello Económico e Social (CES). "O peso de Israel no volume de exportacións/importacións non é moi grande a día de hoxe. Non é significativo en contía", advirte, aínda que engade que "poden ser máis relevantes" as consecuencias para algunhas das importacións, como compoñentes e tecnoloxía. "Pero isto, se o conflito mantense no tempo", incide.

De momento, o xigante Inditex fechou temporalmente as tendas de Zara, "pola incerteza", resalta Armesto. "Se Irán entra, si imos ter problemas, se corta gasodutos", agrega. En canto ao impacto sobre o prezo do combustíbel, este experto considera que "ten máis efecto a guerra de Ucraína" e tamén sobre o custo das materias primas.

Pola súa parte, o presidente da patronal galega, Juan Vieites, asegura que "o conflito en Oriente Medio, especificamente a guerra entre Israel e o movemento palestino Hamás, pode ter e está a ter xa un impacto económico nas empresas da Galiza, así como nas empresas españolas en xeral".

Vieites, que expresa a súa "condena enérxica aos ataques terroristas e a onda de violencia que se está vivindo en Israel", puntualiza que o fai contra "calquera tipo de enfrontamento bélico e todo tipo de ataque armado, especialmente cando se perpetra contra a poboación civil e viólanse a discreción os dereitos humanos".

Sobre os seus efectos, constata que "é evidente que tamén afecta o prezo da enerxía, o que pode influír no sector enerxético local e ter consecuencias económicas máis amplas". O gas disparouse a fin de semana tras estalar o conflito e subiu 12% e o petróleo tamén repuntou até 4%, segundo os datos que manexa o máximo representante da confederación de empresarios galegos.

"Á marxe do prezo do combustíbel, o aumento nos prezos do petróleo leva a un encarecemento da enerxía, o que afecta as empresas e aos fogares galegos. Este incremento pode xerar inflación, o que impactaría nos custos de vida dos galegos e galegas e a estabilidade económica", engade o presidente da CEG.

Tamén dá por feito que "os conflitos xeopolíticos causan volatilidade nos mercados financeiros, o que afecta os investimentos e o comercio exterior da Galiza". Con todo, "en xeral", entende que a guerra en Ucraína terá un impacto económico "máis amplo e duradeiro en Europa do Leste e Asia Central en comparación cos conflitos en Oriente Medio". Coincide, iso si, en que "se o conflito recrúa ou se estende a outras áreas, como Irán, podería ter un impacto máis significativo na economía global e nos prezos da enerxía".

Segundo datos do Ministerio de Asuntos Exteriores e da axencia estatal Icex, hai 2.558 empresas do Estado español que exportan a Israel, e este número ficou estábel desde 2019. A inestabilidade na rexión xera tamén, segundo enumera Vieites, atrasos no comercio, interrupcións loxísticas e "posibelmente unha diminución da demanda de produtos e servizos españois en Israel". "As empresarias e os empresarios estamos preocupados polos riscos humanos, sociais, culturais e por suposto polos riscos económicos asociados ao comercio cunha rexión en conflito", conclúe.

Comentarios