Acciona reina na obra pública da Galiza

Acciona emerxe como a raíña da obra pública na Galiza en 2019, un ano no que as adxudicacións caeron preto de 12% como consecuencia do avance das obras do AVE. Medra a presenza de empresas galegas na listaxe, da que caen firmas como Elecnor, Indra ou Alstom, sancionadas por Competencia por amañar contratos.
Obras da pasarela que constrúe Acciona na futura estación intermodal de Compostela (Xoán Roberes).
photo_camera Obras da pasarela que constrúe Acciona na futura estación intermodal de Compostela (Xoán Roberes).

O ano pasado, as distintas administracións adxudicaron obra pública por valor de 769,9 millóns de euros, o que supón un descenso de 11,82% respecto ao volume adxudicado en 2018.

Segundo os datos da Federación Galega da Construción, Acciona foi a gran beneficiada dos contratos públicos de obra civil en 2019, un posto que lle arrebatara en 2018 Elecnor, un dos grupos sancionados pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) por amañar contratos do AVE.

A Xunta é a administración que máis contratos adxudicou, con 41,5% dos cartos investidos. Detrás desta realidade está a caída nas obras do AVE por parte do Estado español, que reduce o seu investimento á metade ─de 286 millóns en 2018 a 143 o pasado exercicio─ e o aumento do gasto por parte do Goberno galego en vésperas dun ano electoral. De feito, os 319,4 millóns de euros investidos en obra pública polo Executivo de Alberto Núñez Feixoo en 2019 son máis do dobre que a cantidade consignada en 2017 e 33,2% máis en relación á partida do exercicio 2018.

As dez primeiras empresas da lista de adxudicatarios de obra pública na Galiza concentran 33,95% do importe adxudicado. Após Acciona, ACS, o grupo de Florentino Pérez, a través das súas filiais Vías e Enyse, emerxe como o segundo gran adxudicatario grazas aos 39 millóns de euros dos contratos do Estado español, que representan 27% do total adxudicado por esta Administración. Para atopar a primeira firma galega habería que ir até a terceira posición que ocupa a construtora San José, presidida por Jacinto Rei, con obras adxudicadas en 2019 por valor de 34,6 millóns de euros.

Concentración

De igual forma que aconteceu en anos anteriores, o informe da Federación Galega da Construción constata unha gran concentración de empresas nas adxudicacións. Así, 0,58 das firmas adxudicatarias (as dez primeiras) levaron 33,95% do investimento total.

Por organismos, a maior concentración dáse en Universidades e outros organismos, onde as 10 principais adxudicatarias levaron 70,9% do total. Por detrás fican o Estado español, onde 3,13% das empresas quedaron con 68,85% do adxudicado; a Xunta con 52,61% do investimento en mans das dez primeiras empresas, e moito máis atomizado polo maior número de obras adxudicadas, estarían os datos de deputacións e concellos, onde os dez primeiros nomes da listaxe concentran respectivamente 31,46% e 27,36% do investimento total.

Empresas do país

O informe da patronal da construción tamén evidencia o peso que teñen as empresas do país. O pasado ano, as firmas galegas levaron 78,05% das adxudicacións, case dez puntos porcentuais máis que en 2018, cando esta porcentaxe representaba 67,88% do total. As empresas de ámbito estatal quedaron en 2019 con 21,95% do total adxudicado na Galiza (769,9 millóns de euros en 6.276 obras).

Na análise por organismos, as deputacións e as entidades locais son as que máis apostan nas firmas do país, con 93,26% e 91,41% do total, respectivamente.

Por detrás deles está a Xunta, cunha lista que encabeza Acciona, con oito obras adxudicadas por valor de 48,2 millóns de euros que representan 15% do total, seguida de San José (catro obras por 31,6 millóns), a firma naronesa Prace, con oito obras por 17,7 millóns, Taboada y Ramos, Arias Infraestruturas, Ogmios, Francisco Gómez, Extraco e Copasa. Neste caso o liderado de Acciona veríase reforzado por un contrato por 6,9 millóns de euros á súa filial Acciona Agua, que elevaría o peso do grupo controlado pola familia Entrecanales até 17,1% do total adxudicado polo Executivo galego.

Grandes ausentes

Na lista de adxudicatarias é difícil atopar algunha das compañías que lideraban a clasificación de adxudicatarias en 2018. Isto débese en parte á caída de contratos nas obras do AVE á Galiza, mais tamén ten que ver co feito de que varias delas foron sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia precisamente por amañar contratos do AVE.

O máis rechamante é o caso de Elecnor, a principal adxudicataria de obra pública na Galiza en 2018, con 50,9 millóns de euros, que foi sancionada con 20,3 millóns de euros. Xunto a esta, figuraban tamén Alstom, Indra Sistemas, Electren e Telice, sancionadas por Competencia e inhabilitadas para contratar coa Administración Pública por pactar o reparto de adxudicacións millonarias para electrificación e mantemento de equipos nas liñas de alta velocidade.

Comentarios