A Xunta recoñece “enganos e falsificacións” en axudas para reforestacións con centos de afectad@s

Veciñ@s e propietari@s de montes da Costa da Morte denunciaron hai meses que aparecían como beneficiarios de axudas da Xunta á repoboación que nunca solicitaran nin recibiran. Medio Rural optou por gardar silenzo. Até agora, que vén de recoñecer que todo apunta a que “houbo enganos e falsificacións”.

Labrego nos Ancares

Após meses de negalo por activa e por pasiva, cando non calar, de se negar a recibir aos e ás afectadad@s-estafad@s... a Consellería de Medio Rural recoñeceu esta semana que o que veciñ@s e comuneir@s da Costa da Morte levaban tempo denunciando, e que está mesmo en mans dos xulgados, pode ser certo.

Xa nos primeiros meses de 2012, desde Sermos Galiza se informaba de que o xulgado de Corcubión estaba a investigar unha empresa presuntamente implicada nos feitos, destapados pola Federación Rural Galega (Fruga).

A fraude saíu á luz a raíz de que propietarios de montes na Costa da Morte decatáronse 'por casualidade' de que eran beneficiarios de axudas da Xunta que nin tiñan solicitado nin tampouco recibido.

Contas fraudulentas

Os cartos desas subvencións, unha vez concedidas, serían ingresados en contas bancarias presuntamente fraudulentas, abertas a nome deses propietarios sen eles o saberen. E mesmo esas actuacións de repoboación terían sido certificadas por técnicos como feitas, a pesar de non se teren,levado a cabo..

Responsabilidades da Xunta

A Fruga afirmaba naquela altura que tanta ou máis indignación que o proceder dos empresarios denunciados causa “tanto a implicación das entidades bancarias, como a propia responsabilidade da Xunta en todo este proceso”.

E exixía, independentemente da vía xudicial, unha investigación a fondo por parte da administración do acontecido e unha solución colectiva ao problema creado.

Pois agora, o secretario xeral de Medio Rural. Fernández Couto, afirmou no Parlamento que este tema “non émenor” e mesmo recoñeceu que todo apontaba a que era “evidente” que houbo “engano e falsificación”. Iso si, apelando a que a cuestión estaba en mans da xustiza, desbotou abrir unha investigación por parte da administración.

Case un millón de euros

Segundo os datos do propio secretario xeral, nesta trama estarían involucrados preto de 90 expedientes de axudas a reforestación, por un importe de máis de novecentos mil euros.

A oposición (BNG, PSdeG, AGE) criticou a xestión que a administración galega ten feito deste caso ao longo destes meses.

Comentarios